80 persoas reciben formación no Fórum en atención sociosanitaria, carpintería, cociña, soldadura e electricidade
O alumnado do obradoiro dual de emprego “Carballo Coida” iníciase nas terapias asistidas con animais
Mércores 30 de marzo do 2022 Carballo ao día
O alumnado de "Carballo Coida" asistiu a unha sesión sobre terapias asistidas con animais
Os cursos de cociña, operacións auxiliares de montaxe e instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, soldadura con electrodo revestido e TIG e montaxe de mobles e elementos de carpintería que temos en marcha no Fórum Carballo forman nestas especialidades a un total de 60 persoas, ás que se suman as 20 que participan no obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”. En total, 80 veciños e veciñas que recibirán a preparación precisa para acceder ao mercado laboral en cinco especialidades cunha alta demanda.
Nos nove meses de duración do obradoiro “Carballo Coida”, o alumnado está a recibir unha formación integral para poder abordar as necesidades de todo tipo de colectivos, e que, ademais do traballo diario nas instalacións do Fórum, compleméntase con accións puntuais como a visita realizada á semana pasada á sede da ONCE en Galicia ou a sesión sobre terapias asistidas con animais na que participaron onte, coa colaboración do centro especializado Candamín, con gran experiencia no traballo con colectivos como a infancia, as persoas maiores, con discapacidade física ou intelectual e vítimas de violencia de xénero, entre outros.
Alumnado de cociña e atención sociosanitaria asistiu a unha charla da nutricionista María Viña
Algunhas destas accións formativas extraordinarias son compartidas polo alumnado do obradoiro “Carballo Coida” e o do curso de Cociña, como a charla sobre alimentación saudable e patoloxías que ofreceu este luns a nutricionista María Viña.
Esa relación entre saúde e nutrición é, precisamente, o eixo arredor do cal xira o novo proxecto de obradoiro que vén de aprobar a Xunta de Goberno Local para presentar a solicitude de subvención, por 524.464 euros, á Xunta de Galicia. “Fórum Dual” é unha acción formativa na que pretendemos involucrar a outras 20 persoas: 10 na especialidade de cociña e 10 en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, buscando o vínculo entre a alimentación e a atención ás persoas maiores, con diversidade funcional ou menores con distintas patoloxías.