Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno condena a invasión rusa de...

O pleno condena a invasión rusa de Ucraína e amosa a solidariedade do Concello de Carballo co pobo ucraíno

As mocións presentadas polos distintos grupos da corporación municipal centraron a sesión ordinaria de marzo

Martes 29 de marzo do 2022 Carballo ao día

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

As mocións presentadas polos distintos grupos da corporación municipal centraron o pleno ordinario de marzo. A sesión comezou cun minuto de silencio na memoria das recentes vítimas da violencia de xénero, pero do que máis se falou foi da invasión rusa de Ucraína. O pleno aprobou, cos votos a favor de BNG e PSOE, a abstención de TeGa e o voto en contra do PP, unha iniciativa do grupo de goberno para condenar a agresión de Rusia a Ucraína e amosar a solidariedade do Concello de Carballo co pobo ucraíno.

Estes foron os acordos adoptados

  1. Aprobación da acta da sesión anterior: por unanimidade
  2. Modificación puntual número 7 do PXOM de Carballo, relativa ás aliñacións en Quintela e A Barreira: por unanimidade
  3. Moción do PSOE para a implantación dun proxecto piloto de reciclaxe de cápsulas de café: todos os grupos se manifestaron a favor agás o PP, que votou en contra. Dado que os puntos de recollida de cápsulas de café xa están operativos, a proposta centrarase no deseño e posta en marcha de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía sobre a importancia da reciclaxe deste residuo.
  4. Moción do PSOE para a creación dun plan para reducir a fenda dixital: o PP votou en contra tamén desta iniciativa, apoiada polo resto dos grupos tras a aceptación por parte dos socialistas dunha emenda do BNG para eliminar a distribución de vales para reprografía. Deste xeito, a proposta final consiste no establecemento dun protocolo que, no caso de que volva a ser preciso, garanta o material informático necesario para as familias que non dispoñan del.
  5. Moción do PP sobre o impacto económico da invasión de Ucraína: rexeitada. TeGa abstívose e BNG e PSOE votaron en contra da proposta por considerar que non aborda o fondo do problema.
  6. Moción do PP sobre a cobertura de prazas en atención primaria: neste caso votáronse individualmente os dous puntos da iniciativa. O primeiro, no que se propoñía instar ao Goberno de España a eliminar as limitacións na taxa de reposición do persoal sanitario, a crear a especialidade de medicina de urxencias e emerxencias, a flexibilizar o sistema de acreditación de prazas de formación, a mellorar o programa formativo da especialidade de medicina familiar e comunitaria e a convocar máis prazas MIR de medicina de familia, foi aprobada cos apoios do PP e o BNG, mentres que TeGa abstívose e o PSOE votou en contra. O segundo punto foi rexeitado, xa que o PP non obtivo ningún apoio.
  7. Moción do PP para condenar a invasión de Ucraína por parte de Rusia: rexeitada porque os populares non conseguiron ningún apoio. BNG e PSOE votaron en contra e TeGa abstívose.
  8. Moción do BNG para condenar a invasión rusa de Ucraína, mostrar a solidariedade co pobo ucraíno e demandar o retorno á vía diplomática para acadar a paz: foi aprobada cos votos do BNG e o PSOE e a abstención de TeGa. O PP votou en contra. Con esta iniciativa, o Concello de Carballo adopta os seguintes acordos:
-Condenar a agresión de Rusia a Ucraína e mostrar a total solidariedade co pobo ucraíno.
-Esixir un inmediato alto o fogo e a retirada das tropas rusas do territorio ucraíno.
-Solicitar respecto para o dereito internacional, os dereitos humanos e os Acordos de Minsk, e que se traballe pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE.
-Demandar o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para acadar acordos de paz duradeiros.
-Apoiar e colaborar nas medidas de axuda humanitaria que se decidiren para facer fronte á crise de persoas refuxiadas.

Os rogos de preguntas dos grupos da oposición pecharon a sesión tras dúas horas de debate.

Compartir: