Aprobada a licenza para a construción do Parque Comercial A Revolta de forma simultánea coa urbanización da parcela
A empresa promotora realizará un investimento de case 3,6 millóns de euros nas obras
Luns 28 de marzo do 2022 Carballo ao día
Así marchan as obras de urbanización a día de hoxe
A Xunta de Goberno Local aprobou a licenza para a construción do Parque Comercial A Revolta. As obras, que se realizarán de forma simultánea coa urbanización do ámbito, deberán comezar nos vindeiros seis meses e terán que estar rematadas en tres anos como máximo.
O proxecto autorizado, que suporá un investimento de case 3,6 millóns de euros, inclúe a construción dunha edificación de uso comercial con 17 locais sen actividade específica, polo que posteriormente deberá tramitarse a actividade correspondente. Para garantir que as obras se realizan de xeito simultáneo coa urbanización, a empresa promotora deberá depositar un aval de 1,8 millóns de euros.
O Parque Comercial A Revolta, que se situará nunha parcela de 29.028,75 metros cadrados, constará dunha edificación de 10.849,32 metros cadrados nunha única planta, que contará con 15 locais comerciais e 2 de hostalaría. O resto da superficie destinarase a aparcamento, cun total de 378 prazas, 12 delas accesibles e 4 de maiores dimensións para familias. Nas áreas de estacionamento, carga e descarga haberá superficies cubertas con pérgolas, e na zona máis próxima ao edificio, que tamén será cuberta, instalaranse 10 puntos de recarga de vehículos eléctricos e crearase un espazo para exposición.
O proxecto conta xa coa preceptiva autorización comercial da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, dado que se trata dun establecemento comercial colectivo de incidencia supramunicipal.