Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local impulsa distintas...

A Xunta de Goberno Local impulsa distintas liñas de subvencións e axudas a entidades e familias por un total de 160.000 euros

Aprobadas as bases da convocatoria anual de bolsas de axuda ao estudo para o alumnado de Educación Infantil e do CMUS

Luns 28 de marzo do 2022 Carballo ao día

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil recibirá unha subvención de 25.000 euros

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil recibirá unha subvención de 25.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe unha serie de liñas de axuda a entidades e familias por un importe total de 160.000 euros.

Por unha banda deu luz verde á concesión de subvencións destinadas á promoción e ao fomento do deporte escolar por un importe total de 9.000 euros. Desta cantidade, 7.494,20 euros corresponden á Agrupación Deportiva Escolar do CEIP Fogar e 1.505,80, á ANPA San Martiño do CEIP Nétoma-Razo, en ámbolos casos para financiar as escolas deportivas de base que se desenvolven en horario extraescolar nos centros educativos de Infantil e Primaria.

A promoción do deporte é tamén o obxecto da subvención nominativa concedida ao Bergantiños Fútbol Club, por un importe máximo de 60.000 euros, para a participación en competicións federadas ao longo deste ano cun total de 14 equipos. Da subvención quedan excluídas expresamente as fases de ascenso nas que participe o equipo sénior e o Torneo Copa Deputación no que participen tanto o primeiro equipo masculino coma o feminino.

Tamén se aprobou na sesión ordinaria de hoxe a subvención nominativa anual á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, por importe de 25.000 euros, para a colaboración de actividades preventivas en actos multitudinarios e concentracións de público, regulación dos aparcamentos nas praias, participación en simulacros en colexios e edificios municipais, selección e preparación dos socorristas das praias, apoio á area de Servizos Sociais e colaboración coas entidades deportivas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases da convocatoria de axudas de estudos para o alumnado do segundo ciclo de educación infantil e de grao elemental ou profesional do Conservatorio Profesional de Música (CMUS) do Concello de Carballo, para as cales se reserva unha partida de 66.000 euros.

Solicitudes de subvención a outros organismos

Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas varias solicitudes de subvención por parte do Concello de Carballo á Xunta e á Deputación, en concreto 524.464 euros para un novo obradoiro dual de emprego nas especialidades de cociña e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, 33.840 euros para o servizo de limpeza de praias durante os tres meses de verán e 85.545,26 euros para o financiamento do persoal do Centro de Información á Muller, en concreto 57.030,17 para a directora; 14.946 para a asesoría psicolóxica e 17.424 para a asesoría xurídica.

Compartir: