Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado inicialmente o plan especial das Casas...

Aprobado inicialmente o plan especial das Casas dos Mestres, que fará posible a construción dun edificio social

Luns 28 de marzo do 2022 Carballo ao día

Antigas Casas dos Mestres

Antigas Casas dos Mestres

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe, de xeito inicial, o Plan especial de reforma interior (PERI) das antigas Casas dos Mestres, un documento imprescindible para poder acometer a construción dun edificio para as entidades sociais. O expediente será sometido a información pública por un prazo de dous meses, ao tempo que se enviará notificación individual ao único titular afectado, UFD Distribución Electricidad S.A., xa que será preciso cambiar a situación do centro de transformación existente, e tramitaranse as autorizacións sectoriais pertinentes ante as administracións estatal e autonómica.

O plan especial das Casas dos Mestres está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de reordenar a estrutura urbanística e os volumes edificatorios dese ámbito, cambiando o uso residencial que tivo no seu momento por un novo uso dotacional de equipamento múltiple. De feito, o obxectivo é a construción dun novo edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, facilitando e impulsando a atención ás necesidades da cidadanía.

A parcela ten unha superficie de 2.575 metros cadrados. Segundo a proposta inicial, o edificio social ocupará 1.164 metros cadrados. Tamén se reservan 1.012 metros para unha praza, 390 para a regularización do viario e 9 metros cadrados para situar o centro de transformación. Ademais, prevese a posibilidade de crear un aparcamento aproveitando o desnivel do terreo.

Compartir: