Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero asistiu en Lugo á...

Evencio Ferrero asistiu en Lugo á Comisión de Política Social do Eixo Atlántico

Venres 25 de marzo do 2022 Carballo ao día

Imaxe da reunión celebrada en Lugo

Imaxe da reunión celebrada en Lugo

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, participou este xoves en Lugo na Comisión de Política Social do Eixo Atlántico, integrada por José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo, representantes dos concellos de Ribeira, Braga e Gaia, ademais de Carballo; o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, e outros membros da rede.

José Tomé, presidente da Comisión de Política Social do Eixo na nova etapa desta entidade transfronteiriza, salientou que, “se o traballo que desenvolvemos no seo do Eixo Atlántico ten como un dos obxectivos principais garantir e promover a cohesión social e económica do territorio de Galicia e do Norte de Portugal, dende logo, as políticas sociais son unha ferramenta fundamental para avanzar nese equilibrio e nesa cohesión”, con especial relevancia no mundo rural, “sobre todo nun rural galego marcado por un índice de envellecemento elevado e un alto grao de dispersión da poboación, que dificulta o acceso aos servizos públicos”.

Neste sentido, incidiu no esforzo orzamentario que realizan as entidades “porque a Comunidade Autónoma de Galicia non cubre as necesidades que temos, aínda que é a Xunta a que ten as competencias segundo establece o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia” e porque “estamos convencidos de que, só así, garantimos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo daquelas persoas con máis risco de exclusión”.

O Eixo Atlántico, formado por 39 municipios e deputacións de Galicia e Portugal, cumpre 30 anos. Os eixos prioritarios do programa que se desenvolverá ao longo do 2022 serán a cohesión social, a sustentabilidade urbana, a innovación, o desenvolvemento económico e a internacionalización. O orzamento da entidade superará os 4,5 millóns de euros.

Compartir: