Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rede de auga dende Lema ata Pedra do Sal...

A rede de auga dende Lema ata Pedra do Sal completa un investimento de 3,2 millóns no abastecemento á costa

O alcalde visitou os traballos na parroquia de Noicela

Xoves 24 de marzo do 2022 Carballo ao día

Evencio Ferrero visitou as obras

Evencio Ferrero visitou as obras

As obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Lema ata Pedra do Sal avanzan a moi bo ritmo. O alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ata a parroquia de Noicela para facer un seguimento dos traballos que se levan a cabo na zona de Imende.

Obras en Imende

Obras en Imende

A traída da Pedra do Sal, cun orzamento de 687.472,26 euros, completará un investimento que supera os 3,2 millóns de euros e que permitirá dotar de auga de calidade e en cantidade a todo o litoral. A rede arrinca no lugar do Igrexario, en Lema, e esténdese ao longo de 12.403 metros de tubaxes de distintos diámetros, dotando do servizo aos núcleos de Vilar de Peres, Constenla, Rebordelos e Sambade (parroquia de Rebordelos), Imende e Casadelas (Noicela), e Sambade e Pedra do Sal (Lema). En total, 419 habitantes, segundo os últimos datos oficiais do censo.

Plan director

O despregue da rede de abastecemento no noso concello segue as directrices do estudo director elaborado no ano 2009 co obxectivo de garantir o subministro aos núcleos de poboación de máis de 50 habitantes, renovar as tubaxes de fibrocemento existentes aínda en varias rúas urbanas e optimizar os sistemas de abastecemento para ofrecer a mellor garantía de subministro e calidade.

Dentro dese plan municipal estableceuse a zona costeira como prioritaria, tanto polos problemas de escaseza que se repiten cada verán coma polo incremento da poboación, e polo tanto da demanda, que se rexistra tamén nesta época do ano.

Como consecuencia desa política de actuación, no ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento dende o polígono de Bértoa ata Oza e Razo, financiada exclusivamente con fondos municipais con case 1,7 millóns de euros e que xa dá servizo aos habitantes de Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres, O Rodo (parroquia de Oza), e Vilar de Cidre, Nétoma, Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados (Razo).

A continuación acometeuse a extensión da rede dende Razo ata Lema, que incluíu a instalación da rede principal, un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Castrillón e O Igrexario.

O Concello de Carballo ten solicitado a axuda da Xunta de Galicia para completar o abastecemento de auga á zona costeira, para chegar aos lugares das parroquias de Lema, Vilela, Noicela e Rebordelos máis afastados da condución principal, mentres que con fondos propios seguimos completando o servizo con actuacións como a que vimos de executar en Cambrelle (Razo), Cambre e O Outeiro (Lema), que incluíu tamén o saneamento.

Compartir: