Carballo volve a sumarse á Hora do Planeta apagando o alumeado público da Praza do Concello durante 60 minutos
Ti tamén podes unirte apagando as luces da túa casa o sábado 26 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas
Mércores 23 de marzo do 2022 Carballo ao día
Carballo é unha das miles de cidades de todo o mundo que volverán a participar este sábado 26 na Hora do Planeta, unha iniciativa que une a persoas, gobernos, empresas e entidades de todo o mundo preocupadas pola natureza e polas ameazas devastadoras que supoñen a crise climática e a perda de biodiversidade.
É un momento para celebrar, pero tamén para resaltar a necesidade de actuar. Neste sentido, a Hora do Planeta 2022 ten lugar nun momento especialmente importante. Unha alianza de gobernos e organizacións están a pedir unha maior ambición e unha acción urxente para deter e reverter a perda da natureza para 2030. Só unhas semanas despois da Hora do Planeta 2022, os líderes mundiais reuniranse na COP15 do Convenio de Nacións Unidas sobre Diversidade Biolóxica para decidir sobre un novo plan de acción global para a natureza para a próxima década.
Este ano cobrará especial relevancia o concepto One Health, unha soa saúde, pois despois da pandemia é cada vez é máis evidente que só podemos vivir como seres humanos sans nun planeta que tamén o estea.
Este ano dende a organización lánzase un reto: que as persoas se unan individualmente á Hora do Planeta e a que se movan en solidariedade coa natureza, xa sexa andando, correndo, nadando, en patíns ou en bicicleta, ata sumar de maneira virtual o 40.000 km que conforman o perímetro da Terra.
Co lema #móvetepoloplaneta, a #HoraDoPlaneta terá lugar o sábado 26 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas. As luces de todo o mundo apagaranse para conectar a miles de cidades e empresas mentres millóns de persoas se moven pola natureza, porque nos importa e loitamos por ela. Se queres unirte a este movemento planetario apaga as luces da túa vivenda e comparte!