Inicio Carballo ao día Hemeroteca “Carballo. Guía ilustrada de arquitectura”...

“Carballo. Guía ilustrada de arquitectura” fai un percorrido pola historia da nosa vila a través dos seus edificios

Cheo na presentación da obra de Xaime Díaz, que podes solicitar de balde na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños

Martes 22 de marzo do 2022 Cultura

Xaime Díaz, Evencio Ferrero, Mónica Mesejo e Diego Díaz interviron no acto

Xaime Díaz, Evencio Ferrero, Mónica Mesejo e Diego Díaz interviron no acto

Xa podes percorrer a historia recente de Carballo a través das 99 páxinas da Guía ilustrada de arquitectura de Xaime Díaz Alonso, editada grazas á colaboración da Deputación da Coruña. A través da ilustración, a fotografía e o comentario escrito, o libro, cunha presentación exquisita, recolle unha selección de edificios e espazos públicos urbanos de distintas épocas, converténdose nun auténtico catálogo do noso patrimonio arquitectónico. Se queres un exemplar só tes que pedilo, de balde e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa ou no Museo de Bergantiños.

O auditorio da Biblioteca Rego da Balsa estivo practicamente cheo

O auditorio da Biblioteca Rego da Balsa estivo practicamente cheo

Carballo. Guía ilustrada de arquitectura é o resultado de moitos anos de traballo e da sensibilidade especial do seu autor, o tamén traballador da Oficina Técnica Municipal Xaime Díaz Alonso, polo patrimonio, a cultura e a historia carballeses. Na presentación da obra, moi emocionado, fixo un percorrido por diferentes aspectos da súa traxectoria persoal, académica e profesional que desembocaron nesta publicación, na que amosa “exemplos do patrimonio carballés que nos provocan unha triste melancolía pola memoria dos bens perdidos e que se deixaron ir” pero tamén ideas e propostas para poñer en valor distintos elementos do patrimonio existente.

Para que vos fagades unha idea, o libro inclúe 25 alzados e 140 fotografías dun total de 65 obras realizadas por 68 autores, ademais de 24 planos e 10 imaxes de arquivo do patrimonio desaparecido. Para ordenar e dar forma a todo o material contou coa colaboración de Diego Díaz, autor tamén das fotografías, e de Clara Díaz, responsable do deseño e a maquetación final.

Evencio Ferrero: "Xaime é dos que mira sempre cara adiante, lamentando o que pasou pero non laiándose continuamente senón facendo propostas para o que pode ser"

Diego Díaz tamén participou na presentación da publicación xunto coa arquitecta Mónica Mesejo, organizadora no ano 2012 do curso de verán do que xurdiu a idea de elaborar a guía, e co alcalde. Evencio Ferrero, que pechou o concorrido acto, felicitou a Xaime Díaz polo seu traballo e agradeceulle as numerosas achegas que leva facendo dende hai anos para mellorar o espazo urbano. “Sempre se di que a  historia a narran os gañadores, pero no caso de Carballo nalgún momento tivérona que empezar a escribir os perdedores, os que perdemos aquel Carballo que era símbolo de identidade. Pero é verdade que nestes percorridos hai que mirar sempre para adiante, e Xaime é dos que mira sempre cara adiante, lamentando o que pasou pero non laiándose continuamente senón facendo propostas para o que pode ser”, agradeceu Evencio Ferrero.

O alcalde lamentou que Carballo non tivese o seu primeiro plan xeral ata o ano 2003, “porque teríamos moitísimo avanzado”, e quixo agradecer o compromiso da corporación municipal co plan xeral vixente, aprobado no ano 2016 “por unanimidade. É de agradecer que todos apoiáramos esa visión de futuro, cos erros que pode ter o documento, porque se non estaríamos de novo no Carballo da desfeita”. Evencio Ferrero puxo en valor tamén o traballo da Oficina Técnica Municipal, que se corresponde cun concello vivo e moi activo. “E nesa vitalidade é fundamental que todos os que queremos que Carballo sexa un bo lugar para vivir sigamos traballando e creando equipo día a día, co desexo de acertar e que os erros sempre sexan os menos posibles”, concluíu.

Compartir: