Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Interplay defende o talento galego

O Carballo Interplay defende o talento galego

Este ano tamén poñemos en marcha o “Certame Dinosaurio Escolas” para fomentar a creación audiovisual en galego dende a base

Xoves 17 de marzo do 2022 Lingua

O Carballo Interplay mantén o seu compromiso co talento galego na súa novena edición, que terá lugar os días 6, 7, 8 y 9 de abril. Con esta iniciativa, preténdese reivindicar a creación de contidos dixitais dende Galicia e en galego, xa sexa en redes sociais coma Youtube ou Tiktok, no eido audiovisual ou en formato podcast. Nesta ocasión, os contidos galegos protagonizarán a xornada do xoves 7 de abril, que contará con actividades coma a grabación dun podcast en directo, o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web” ou a celebración do décimo aniversario da webserie Angélica y Roberta.

O día comenzará ás 10h30, co Certame Dinosaurio Escolas, unha nova iniciativa que busca fomentar a creación de contidos audiovisuais orixinais en galego mediante a creación de capítulos da serie DINOSAURIO. O certame estará dirixido aos niveis educativos de Secundaria, Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio. De entre todos os traballos recibidos seleccionaranse 10 capítulos finalistas que se proxectarán na 10ª edición do festival. Ademais, neste encontro cos centros educativos tamén se proxectará a serie Cacola, gañadora do premio a proxecto en galego 2020, da man do seu creador, David Fidalgo.

Ás 12h terá lugar a gravación en directo de Petiscos no Derby, un formato especial e exclusivo para o Carballo Interplay do podcast Café Derby. Este proxecto, creado por Adrián Lede, Nicolás Carreira e Carme D. Prol nace de conversas na cociña dun piso de estudantes que co paso do tempo se converteron en tertulias profesionais con invitados relacionados ca cultura galega. Nesta ocasión estarán acompañados pola divulgadora Tamara Pazos (Putament), a youtuber e tiktoker Prado Rúa, a xornalista Esther Estévez, cara visible de “Dígocho Eu!”, o youtuber OlaxonMario e o músico Berto.

Pola tarde, ás 18:30, terá lugar a final do o pitching de iniciativas que optarán ao premio de “Mellor proxecto de serie web”, na que as finalistas presentarán a súa proposta de webserie ante un xurado que decidirá cal será a que reciba 3.000 euros de financiación para a realización dos seus tres primeiros episodios. Este é o único premio destas características que existe en todo o estado español, e deu lugar a creacións coma Peter Brandon (premio Mestre Mateo), Hai vida en Bran?, Sígueme, Xan, Amnesia 3.0, Cacola ou a gañadora da última edición, Pringadas, de Belén Puime.

Para terminar a xornada, ás 22:30 terá lugar a festa de décimo aniversario de Angélica y Roberta, coa emisión do capítulo especial grabado para conmemorar os dez anos dunha das webseries galegas máis icónicas da historia.

O talento galego non remata o xoves, o venres 8 ás 18h30 proxectaranse en exclusiva os primeros tres episodios de Pringadas, de Belén Puime, a webserie gañadora do “Mellor proxecto de serie web” da edición pasada. A serie conta a historia de tres compañeiras de piso que viven en Santiago de Compostela e teñen que aprender a lidiar con rupturas amorosas, o sentimento de non pertencer a ningún lado e o diagnóstico dunha ETS, capturando con un ton honesto e desenfadado a realidade dunha gran parte da mocidade universitaria galega.

Compartir: