Inicio Carballo ao día Hemeroteca As obras das rúas Ourense e Baños...

As obras das rúas Ourense e Baños Vellos permitirán recuperar as trazas das antigas termas romanas

O artesán carballés Manolo Eirín fixo unha recreación en cerámica dun plano de 1777 que se situará sobre o emprazamento das ruínas

Xoves 17 de marzo do 2022 Carballo ao día

As obras que se están realizando na contorna do balneario van moito máis alá da necesidade de instalar ou renovar os servizos urbanísticos, de mellorar a accesibilidade ou de poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do noso concello, porque, ademais de todo iso, tamén contribuirán a rescatar unha parte fundamental da nosa historia recuperando as trazas das antigas termas romanas.

O proxecto realizado polo arquitecto Seixo Vázquez Fiz persegue tamén ese último obxectivo. Deste xeito, no treito norte da rúa Baños Vellos instalarase unha fonte que formará parte da estratexia de recuperación da memoria do termalismo, e, polo tanto, da auga. Ademais da fonte, o conxunto, que pretende crear un ámbito de estancia nun espazo destacado e soleado, incluíra un canal aberto elevado que discorrerá en dirección sur, unha alberca xa na confluencia entre Baños Vellos e Ourense e unha peza escultórica asociada.

Da creación da peza encargouse o artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación “O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Areino de Galicia”.

O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, achegáronse ata o estudo de Manolo Eirín para ver o plano, xa rematado, que supón, ademais dunha peza histórica de grande interese, unha obra de arte. Despois de examinala desprazáronse ata o lugar onde se vai colocar.

O proxecto que se está a materializar na zona dos Baños Vellos está supervisado por técnicos de Patrimonio Cultural, precisamente por localizarse no ámbito de protección das termas romanas de Carballo, definido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Compartir: