Inicio Carballo ao día Hemeroteca A gran Carballeira do Futuro que estamos a crear...

DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES

A gran Carballeira do Futuro que estamos a crear no polígono de Bértoa seguirá medrando cun cento de árbores máis

Familias dos nenos e nenas que naceron no noso concello nos últimos dous anos participarán o sábado 19 de marzo nunha plantación colectiva

Martes 15 de marzo do 2022 Carballo ao día

O ano pasado empezamos a crear a Carballeira do Futuro coas primeiras 50 árbores

O ano pasado empezamos a crear a Carballeira do Futuro coas primeiras 50 árbores

No ano 2020 puxemos en marcha unha iniciativa encamiñada a implicar á cidadanía na Estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio, e para conseguir, ao mesmo tempo, garantir a supervivencia do Carballo de San Antón, a nosa árbore senlleira, recollendo os seus “fillos”, plantándoos en macetas e coidándoos á espera de poder transplantalos para crear unha gran carballeira.

A idea inicial de plantar unha árbore por cada bebé nado no 2020 viuse truncada polo coronavirus, polo que decidimos ampliar a iniciativa un ano máis. Para a nosa alegría, a gran maioría das familias que se achegaron ás oficinas municipais para empadroar a un neno ou unha nena nos últimos dous anos optaron por levar os carballos (en macetas artesanais, unhas elaboradas en barro pola oleira carballesa Marilá e outras, en madeira polo artesán tamén carballés Fabián Lage) para plantalos pola súa conta, o que significa que ducias de exemplares da árbore que nos identifica medrarán nos vindeiros anos en todas as parroquias.

O alcalde, cun dos carballos que se entregaron ás familias que optaron por plantalos pola súa conta

O alcalde, cun dos carballos que se entregaron ás familias que optaron por plantalos pola súa conta

Deste xeito, dos 397 nenos e nenas que naceron no noso concello entre os anos 2020 e 2021 quedaron anotados para participar na plantación colectiva un total de 139. Por distintos motivos, algunhas desas familias non poderán achegarse o sábado 19 de marzo ata o polígono de Bértoa -onde seguiremos agrandando a carballeira do futuro que empezamos a crear o ano pasado coa colaboración de preto de 50 alumnos e alumnas do Horto Infantil Ecolóxico Municipal-, pero son máis de cen as que teñen confirmada a súa asistencia a este acto de participación veciñal e de celebración do Día Mundial dos Bosques, tamén chamado Día Forestal Mundial ou Día da Árbore.

Dado que os novos carballeses e as novas carballesas son aínda bebés, a plantación realizarana as mamás, os papás, irmáns maiores ou avós. Todas e todos serán benvidos ao acto. Cada carballo irá identificado co nome do neno ou da nena que o apadriña ou amadriña, a cuxas familias lles pedimos que sigan visitándoos e coidándoos ata que medren sans e fortes creando esa gran carballeira do futuro nun concello cada vez máis verde e sustentable.

Compartir: