Evencio Ferrero: "Non queremos ser pioneiros, queremos ser unha administración máis entre unha multitude"
O alcalde de Carballo recolleu en Ourense o premio especial de Cegasal pola súa traxectoria e o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade
Venres 4 de marzo do 2022 Carballo ao día
Evencio Ferrero, con Celso Gándara e Vázquez Freire, recollendo o premio
José Antonio Vázquez Freire, presidente da Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal), anunciou na Gala do 25º aniversario da entidade que deixa a presidencia da organización, tras 15 anos ininterrompidos. Na súa intervención tamén se referiu ás tres organizacións (Cogami, Faxpg e Fademga) que decidiron unir as súas forzas en 1997 e crear unha asociación que representase e promocionase os intereses dos centros especiais de emprego de iniciativa social: “Os seus presidentes foron valentes e xenerosos”. Grazas a eles, a asociación xa forma parte do tecido social e económico da comunidade galega, tal e como explicou no seu discurso o seu presidente actual.
A gala comezou coa entrega do galardón na categoría de Administración Autonómica, que este ano recaeu na Consellería de Política Social. No apartado de Administración Local, no que fora premiado o Concello de Carballo na edición anterior, este ano o galardoado foi o Concello de Lugo. E na sección empresarial o premio foi nesta ocasión para a lucense Industrial Recense.
O alcalde de Carballo, durante a súa intervención
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu o premio especial pola súa traxectoria e o seu compromiso co mundo da discapacidade. Ferrero agradeceu ao seu equipo o labor que realiza o Concello de Carballo e animou ao resto dos concellos galegos a apostar pola inclusión: "Non queremos ser pioneiros, queremos ser unha administración máis entre unha multitude", dixo na súa intervención.
Evencio Ferrero, charlando co presidente da Xunta
Os premios ao xornalismo comprometido coa inclusión foron nesta ocasión para Matilde Vázquez, Carlos Purriños, Monchi Sánchez e Xoel Gómez. Tamén foron homenaxeados os conselleiros de emprego dos últimos 25 anos.
Destacadas personalidades do mundo político e empresarial déronse cita no Teatro Principal de Ourense. Ademais do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; participaron no evento os conselleiros Francisco Conde, María Jesús Lorenzana e Fabiola García; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o noso alcalde, Evencio Ferrero. Tamén asistiron á celebración o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; os presidentes das confederacións de Ourense e Pontevedra; representantes das sectoriais e das tres farmacéuticas que colaboran coa asociación en proxectos pioneiros que conxugan formación e traballo para persoas con algunha enfermidade mental.
O empresario carballés Diego Vázquez Reino foi este ano o encargado de falar en nome de todas as empresas que forman parte da Rede Cegasal Inclúe : “Se algo aprendín nestes anos traballando na empresa familiar é que debemos desenvolver unha sensibilidade especial polas persoas e a contorna”, destacou.