Inicio Carballo ao día Hemeroteca O alcalde de Carballo será un dos...

O alcalde de Carballo será un dos protagonistas da gala do 25º aniversario de Cegasal

A entidade que agrupa aos centros especiais de emprego de Galicia quere premiar o “compromiso persoal” de Evencio Ferrero co emprego inclusivo

Xoves 3 de marzo do 2022 Carballo ao día

Evencio Ferrero xa recolleu o ano pasado o Premio Cegasal outorgado ao Concello de Carballo. Nesta ocasión a distinción é persoal

Evencio Ferrero xa recolleu o ano pasado o Premio Cegasal outorgado ao Concello de Carballo. Nesta ocasión a distinción é persoal

Hai 25 anos, as entidades Cogami, Faxpg e Fademga decidiron unir as súas forzas e crear unha asociación que representase e promocionase os intereses dos centros especiais de emprego de iniciativa social. Hoxe, a asociación que preside José Antonio Vázquez Freire xa forma parte do tecido social e económico de Galicia, e cada ano premia a persoas, institucións e empresas que destacaron polo seu apoio aos principios fundacionais de Cegasal. A cita adquire neste 2022 unha tinguidura especial, xa que a asociación festexará, na gala que se celebra este venres en Ourense, un cuarto de século de vida.

O alcalde de Carballo, que xa recolleu o Premio Cegasal o ano pasado pola contribución do noso concello ao emprego das persoas con discapacidade, será un dos protagonistas do evento. Evencio Ferrero recibe neste 2022 “un galardón á súa traxectoria persoal, ao seu apoio aos que teñen máis difícil a súa incorporación ao mundo laboral. Ferrero é un exemplo de compromiso ao longo de toda a súa traxectoria pública”, sinalan dende Cegasal.

Destacadas personalidades do mundo político e empresarial daranse cita no Teatro Principal de Ourense. O xornalista Terio Carrera será encargado de conducir a gala, na que serán galardoadas institucións, empresas e profesionais da comunicación polo seu destacado labor a favor do emprego inclusivo, e todo o que este implica para lograr unha sociedade máis equilibrada, solidaria e responsable.

A representación carballesa completarase co empresario Diego Vázquez Reino, que intervirá na gala en representación da Rede Cegasal Inclúe, formada por empresas que tamén apostan pola integración laboral das persoas con diversidade funcional.

Ligazóns

Compartir: