Carballo acollerá o 12 de marzo un acto público de homenaxe ás persoas falecidas durante a pandemia
O evento celebrarase xunto á escultura “Mágoa”, que dende xullo do ano 2020 lembra no Fórum Carballo ás vítimas da COVID-19
Martes 1 de marzo do 2022 Carballo ao día
O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou a situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19 como pandemia internacional, unha pandemia que leva provocado case 100.000 mortes no territorio español e que tamén tinguiu de loito o noso concello.
En xullo do ano 2020 inauguramos no complexo Fórum Carballo a escultura "Mágoa" na lembranza das vítimas da COVID-19, e adquirimos o compromiso de organizar, cando as circunstancias o permitisen, un acto público de homenaxe a todas as persoas falecidas. Coincidindo co segundo aniversario do inicio da pandemia, o sábado 12 de marzo celebraremos ese acto de homenaxe do pobo de Carballo ás vítimas da COVID-19, un acto aberto a toda a cidadanía.
O escenario será a praza na que se sitúa a peza escultórica realizada polo artesán Fabián Lage, na rúa Xílgaro. No acto intervirán o alcalde, Evencio Ferrero, no nome de todos os carballeses e carballesas, e un familiar dunha das vítimas da COVID-19. A actuación da Orquestra de Corda do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, cun pequeno repertorio preparado expresamente para a ocasión; o descubrimento dunha placa conmemorativa e unha simbólica ofrenda floral completarán a homenaxe.