Arranca o proceso de contratación das obras de mellora do núcleo rural tradicional dos Vilares, en Sísamo
A Xunta de Goberno Local aprobou a declaración de ruína dun edificio situado na rúa Mirtos
Luns 28 de febreiro do 2022 Carballo ao día
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación do proxecto de conservación e mellora de rúas no núcleo rural tradicional dos Vilares, na parroquia de Sísamo. A actuación, incluída no POS+Adicional da Deputación da Coruña, ten un orzamento de 232.168,15 euros. Deste xeito, Os Vilares sumarase a núcleos singulares coma Cances Grande, O Rodo, Vilar de Cidre ou Castillón, nos que levamos a cabo actuacións integrais de dotación de servizos e pavimentación do rueiro con formigón.
Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobou a declaración de ruína do edificio situado no número 10 da rúa Mirtos, e, en consecuencia, ordenar a súa demolición no prazo máximo de 1 mes, poñendo fin deste xeito a un longo proceso administrativo. No caso de incumprimento procederase á execución subsidiaria por parte do Concello. A edificación, construída no ano 1963, consta dunha vivenda de 52 metros cadrados e un almacén de 21 metros cadrados, que, segundo os informes técnicos, atópanse “en avanzado estado de deterioro”.
O goberno municipal deu luz verde facturas por importe de 29.026,12 euros; devolución de avais, vaos, licenzas urbanísticas, cinco expedientes por reclamación de danos causados en bens público e un por responsabilidade patrimonial, que se estima parcialmente. Así mesmo, autorizou a solicitude dunha axuda á Consellería de Cultura para a adquisición de novidades editoriais para as bibliotecas. Por outra banda, procedeuse á modificación do contrato de servizos do programa de exercicio físico para maiores de 60 anos para prorrogalo ata fin de curso.
Fóra da orde do día adoptáronse dous acordos: a aprobación do prezo público para o Taller Kamikaze do Festival Carballo Interplay, que quedou fixado en 150 euros, e a declaración de adxudicación deserta do contrato de obras de pavimentación en varios espazos urbanos, debido a que a empresa adxudicataria non presentou a documentación requirida.