Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación e o Concello de Carballo...

A Deputación e o Concello de Carballo colaboran nun proxecto piloto para a promoción de vivenda de aluguer social ecolóxica e sustentable

Sábado 26 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Imaxe da xuntanza celebrada na Coruña

Imaxe da xuntanza celebrada na Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o vicepresidente e concelleiro carballés, Xosé Regueira Varela; o deputado provincial da área de Emprego, José Ramón Rioboo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, veñen de manter unha xuntanza no pazo provincial co obxecto de impulsar conxuntamente o primeiro proxecto de promoción de vivendas ecolóxicas na provincia.

Durante este encontro os representantes de ambas institucións manifestaron opinións acordes sobre a importancia de potenciar a arquitectura ecolóxica mediante a promoción de inmobles pasivos, de consumo enerxético case nulo. Este modelo de edificación, construída aplicando os estándares da passivhaus, responde a un deseño construtivo que busca reducir ao máximo a enerxía necesaria para a súa climatización, logrando manter un ambiente e unha temperatura constantes e confortables durante todo o ano mediante a optimización dos recursos existentes.

En España existe un parque de máis de 300 edificios certificados passivhaus incluíndo vivendas unifamiliares, pero tamén edificios multi-residenciais, tanto de vivenda pública como privada, e edificios terciarios de uso dotacional, educativo e sanitario

Por este motivo, en liña coa estratexia establecida no Pacto Verde Europeo e en aras de loitar contra o cambio climático, evitando a contaminación, para a transición cara un modelo produtivo e social máis ecolóxico, abriuse unha liña de investigación para a promoción e proxección de vivenda pasiva sustentable na provincia, coa finalidade de incorporar tipoloxías de edificacións adaptadas ás novas realidades, minimizando a súa pegada ecolóxica mediante solucións bioclimáticas.

Proxecto

Seguindo a liña de investigación aberta encargouse un estudo de viabilidade de vivendas passivhaus no Concello de Carballo, que foi redactado por un equipo liderado pola arquitecta Marta Trigás, profesional que desenvolve a súa actividade desde o coworking do Pazo de Arenaza, centro insignia da Rede Provincial de Coworking.

Neste estudo valoráronse aspectos sociais e da xeografía humana, como a densidade de poboación, a existencia de demandantes de vivenda na zona, a existencia de vivenda desocupada, e demais cuestións, que concluíu que o ámbito proposto é unha localización idónea para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda pasiva, tendo en conta tamén o modelo de desenvolvemento urbano sustentable que está a asumir e que o postulan como un exemplo a seguir por outros concellos da contorna e da provincia, en termos de mobilidade, accesibilidade e inclusión.

Tras esta análise, o Concello de Carballo e a Deputación acordaron formalizar un convenio para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social coa finalidade de impulsar actuacións replicables por toda a provincia.

No marco da formalización do convenio ambas institucións acordaron destinar un total de 94.967 euros a sufragar os custos totais do proxecto, dos cales a Deputación comprometeuse a achegar para a súa execución 70.967 euros de fondos propios (o 74,73% do total), mentres que o Concello de Carballo aportará os 24.000 euros restantes (o 25,27%).

Compartir: