Inicio Carballo ao día Hemeroteca O club O Toque Xiria Calvo Carballo participa con...

O club O Toque Xiria Calvo Carballo participa con dous equipos na liga galega de xadrez

O alcalde e o concelleiro de Deporte asistiron á presentación da tempada

Venres 25 de febreiro do 2022 Deporte

O sábado 12 comezou a liga galega de xadrez. Este ano o club xadrez O Toque Xiria Calvo Carballo participa con dous equipos, un na categoría Preferente Galega, que é a máxima categoría autonómica, e outro en 3ª División. O club presentou a tempada este xoves coa asistencia do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Deporte, Marcos Trigo.

Na categoría preferente participan 15 equipos divididos en dous grupos. O Xiria Calvo Carballo quedou emprazado cos equipos do Círculo Ferrolano, Clubexa de A Coruña, Escola Luguesa, Padrón, Rianxo e o CFX de Vilagarcía. Será unha liga a unha volta e despois un encontro directo co mesmo clasificado do outro grupo.

O obxectivo do club carballés, tal como expón o seu presidente, Javier Teixeira, é a permanencia, aínda que matiza que será moi difícil de acadar porque os equipos participantes contan con xogadores de moi bo nivel, á parte de que esta competición xógase a seis taboleiros en vez de catro, como o resto de categorías, o que dificulta aínda máis os encontros. Este ano será o primeiro no que un equipo de Carballo milita na máxima categoría galega, o que permitirá aos desportistas locais medirse "aos mellores equipos galegos, desfrutar da experiencia e tratar de dar a sorpresa", engade.

O club xadrez Xiria Calvo Carballo B xogará no grupo B de 3ª División. Será unha liga de 8 equipos a unha volta entre equipos da Coruña, Carballo e Náutico de Camariñas. Nesta categoría o equipo tratará de acadar o ascenso á 2ª División.

Na primavera xogarase unha fase local do torneo Xogade e 4ª División. En total para a tempada 2022 o club carballés ten un total de 55 fichas federadas activas e agarda ampliar esa cifra ao longo do ano. Javier Teixeira agradeceu o apoio da Fundación Luis Calvo e avanzou que está previsto organizar no verán a quinta edición do Aberto de Carballo Clásico; na primavera, o torneo das Letras Galegas, e de cara a final de ano, o Torneo de Nadal.

Compartir: