Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello retirará os vados irregulares...

LICENZAS MUNICIPAIS

O Concello retirará os vados irregulares nas vías urbanas

Xoves 1 de setembro do 2005

Os servizos municipais de Inspección - a Policía local e Inspección tributaria - detectaron a existencia no casco urbano de Carballo de numerosas placas de vado permanente que foron instaladas nos portais sen contar coa licenza correspondente. Dende estes servizos detectóuse tamén a existencia de rampas de acceso de vehículos a edificios colocadas na vía pública que tampouco contaban coa licenza.

Viña Patiño explicou que é "competencia exclusiva do Concello" autorizar e instalar sinais de tráfico así como colocar elementos nas vías públicas municipais, segundo se establece na Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial. O edil engadiu que é tamén esta lei a que lle outorga ao Goberno municipal a "facultade e a obriga de proceder á retirada dos sinais de circulación indebidamente colocados", como sería o caso dos que foron instalados sen a licenza municipal.

O concelleiro explicou que a Lei de Tráfico só establece a prohibición de estacionar nos vados correctamente sinalizados, é dicir, nos que sexan colocados coa licenza municipal correspondente. "Só son vados permanentes aqueles que exhiben na parte superior da súa placa a referencia Concello de Carballo e na parte inferior o número da licenza municipal concedida", indicou Viña Patiño.

Doutra banda, o Concello tamén comprobará a existencia, nos arcéns e nas beirarrúas, de rampas instaladas sen ter solicitado autorización municipal nin contar con vado permanente autorizado. O concelleiro anunciou que se retirarán as rampas se os seus titulares non regularizan a súa situación, "por se tratar de elementos que poden estorbar á circulación e estacionamento de vehículos ou á de peóns polas vías municipais", engadiu.

Compartir: