Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal aprobará...

A corporación municipal aprobará tres bonificacións de impostos para outros tantos negocios turísticos en Razo

Na convocatoria figura tamén o recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores, que é o máis baixo en 30 anos

Venres 25 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno

A corporación municipal aprobará este luns 28 de febreiro tres bonificacións de impostos para outros tantos negocios turísticos de nova implantación en Razo: un albergue xuvenil, que ten un orzamento de 264.000 euros; un complexo de restaurante, pensión e vivenda, con 442.000 euros de investimento, e un café-bar, con 182.000 euros de orzamento. Nos dous primeiros casos, dado que os investimentos superan os 250.000 euros, as bonificacións tanto de ICIO (imposto sobre construcións, instalacións e obras), coma de IBIU (imposto sobre bens inmobles de natureza urbana) e IAE (imposto sobre actividades económicas) acadan o 95%, mentres que no terceiro caso será do 70% por non chegar a esa cantidade.

A proposta presentárona hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, na habitual comparecencia para dar conta dos asuntos que se debaterán no pleno. Na convocatoria tamén figura o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores, que suman 26.790,91 euros. É a cifra máis baixa en trinta anos. Neste sentido, o alcalde felicitou ao persoal de Servizos Económicos polo “excelente traballo” realizado para pechar o ano coa máxima cantidade posible de facturas aprobadas.

O pleno decidirá, por outra banda, sobre as solicitudes de compatibilidade presentadas por tres traballadores/as municipais. Ademais aprobarase a ordenanza que regula o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, é dicir, a denominada plusvalía, unha vez adaptada á nova lei. Neste sentido, a porcentaxe que aplicará o Concello de Carballo será do 25%, 10 puntos menos do máximo permitido.

A corporación tamén terá que aprobar de novo o contrato administrativo do servizo externo de axuda no fogar, despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia anulase o anterior a raíz dun recurso. O cambio non afecta ao orzamento, que supera os 8 millóns de euros, nin ao servizo, senón que obedece á necesidade de establecer un tope máximo de horas de prestación de servizos complementarios.

As mocións, rogos e preguntas da oposición, e os informes de seguimento dos órganos de goberno completan a orde do día, que pode descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: