Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero asistiu á asemblea xeral...

Evencio Ferrero asistiu á asemblea xeral do Eixo Atlántico, na que foi elixida presidenta a alcaldesa de Lugo

Xoves 24 de febreiro do 2022 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, representou ao noso concello na asemblea xeral do Eixo Atlántico, celebrada este mércores en Santiago como recoñecemento ao Camiño e ao sector turístico, un dos máis castigados pola pandemia e que vai xogar un papel importante na recuperación económica. Nesta primeira xuntanza presencial dende o 2022 saíu elixida presidenta a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que substitúe no cargo a Ricardo Rio, alcalde de Braga.

O Eixo Atlántico, formado por 39 municipios e deputacións de Galicia e Portugal, cumpre 30 anos. Os eixos prioritarios do programa que se desenvolverá ao longo do 2022 serán a cohesión social, a sustentabilidade urbana, a innovación, o desenvolvemento económico e a internacionalización. O orzamento da entidade superará os 4,5 millóns de euros.

A asemblea recoñeceu especialmente o esforzo na coordinación e no intercambio de información realizado polo Eixo Atlántico durante o confinamento, as xestións co Goberno de Portugal e a Xunta de Galicia para minorar as limitacións dos gobernos sobre a mobilidade entre poboacións de ámbolos lados da fronteira. Especialmente, valorouse a creación das comisións políticas que garanten a participación activa de todos os alcaldes e alcaldesas na identificación das actuacións para saír da crise, así como una estratexia conxunta para a xestión dos Fondos Next Generation.

Compartir: