CARBALLO ACOLLE O VENRES 25 UNHA META VOLANTE
A volta "O Gran Camiño" anticipa unha tempada de grandes citas co ciclismo no noso concello
Queres conseguir un maillot oficial da proba? Participa no concurso que celebraremos en Instagram
Xoves 24 de febreiro do 2022 Deporte
A volta ciclista O Gran Camiño pasará este venres 25 de febreiro por Carballo, onde se disputará unha meta volante da etapa Costa da Morte: Bertamiráns-O Ézaro. O paso do pelotón pola nosa vila está previsto de 12:23 a 12:38 horas, co seguinte percorrido: avenida de Fisterra, rúas Alexandre Bóveda, Luis Calvo (onde estará situada a meta volante), Poñente, Fábrica e avenida de Malpica.
Ademais de achegarte para animar aos deportistas podes conseguir un maillot oficial da proba. Como? É moi doado. Só terás que facer unha foto ao paso do pelotón e compartila en Instagram co cancelo #ograncamiñocarballo, ademais de etiquetar a conta do Concello de Carballo @carballomola. Lembra que o teu perfil debe ser público para que poidamos ver a foto, e que debes compartila o mesmo venres 25. Entre todas as persoas participantes sortearemos dous maillots.
O Gran Camiño anticipa unha tempada de grandes citas co ciclismo no noso concello, onde temos a sorte de contar con varias entidades que promocionan a práctica deste deporte. A principal novidade do 2022 será a Ultramaratón Costa da Morte, organizada polo Club Ciclista Monteneme e o Concello de Carballo, que forma parte da Copa de España de BTT XC Ultramaratón, e que se disputará o 18 de xuño coa participación de ciclistas de todo o territorio nacional.
Aquí tes un avance do calendario:
- 21 de maio. Trofeo Concello de Carballo 2022. Club Ciclista Carballo.
- 18 de xuño. Ultramaratón Costa da Morte. Club Ciclista Monteneme.
- 26-28 agosto. IV Challenge Júnior Carballo. Club Ciclista Carballo.
- 27 agosto. Trofeo Júnior Carballo. Club Ciclista Carballo.
- 2 de outubro. XIX Marcha Costa da Morte. Club Ciclista Monteneme.