Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa están á túa...

Xa están á túa disposición 130 novas prazas de aparcamento de balde na zona da Cristina

En marcha as obras de acondicionamento de dúas novas áreas de estacionamento na rúa Gravador Facal

Martes 22 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Novo aparcadoiro na zona da Cristina

Novo aparcadoiro na zona da Cristina

Tras a instalación das ramplas nos accesos, xa está dispoñible a nova área de aparcamento gratuíto situada na zona da Cristina, próxima a servizos públicos coma o Pazo da Cultura, o INSS ou a Tesourería da Seguridade Social e tamén á zona comercial e de servizos existente nese ámbito. Son 3.600 metros cadrados de superficie, o que supón unha capacidade aproximada de 130 vehículos. Con este novo espazo, na contorna do Pazo da Cultura poderán estacionar máis de 600 vehículos, sen contar as prazas existentes nas propias rúas.

Obras na rúa Gravador Facal

Obras na rúa Gravador Facal

Nestes momentos están en marcha as obras de acondicionamento doutros dous espazos na rúa Gravador Facal, un deles no cruce coa rúa Vila de Negreira, que nos permitirán habilitar outras 50 prazas, aproximadamente, a escasos metros da Praza do Concello.

A escasos minutos a pé do centro sitúase tamén a principal bolsa de aparcamentos da zona urbana, con máis de 800 prazas para vehículos repartidas nunha ducia de parcelas da contorna do Rego da Balsa. O aparcamento situado no exterior do Centro Comercial Bergantiños, neste caso en terreo municipal, é, coas súas 210 prazas, o máis grande de Carballo. O resto das prazas repártense polos barrios do Hospital, A Granxa, A Milagrosa, O Chorís, o San Martiño e o centro, buscando sempre emprazamentos o máis próximos posible ás zonas comerciais e de servizos.

Mediante o sistema de comodato, que consiste na cesión provisional do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o noso concello é hoxe en día un referente en Galicia, e o modelo carballés xa se está a aplicar noutros concellos. Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise. As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

Compartir: