Cabichas e excrementos de cans constitúen o principal cabalo de batalla do servizo de limpeza viaria
O persoal do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE constata que a presenza de feces descendeu dende a instalación de papeleiras con dispensadores de bolsas
Luns 21 de febreiro do 2022 Carballo ao día
Operario do servizo de limpeza viaria, no Chorís
A limpeza das cabichas e dos excrementos de cans é a principal dificultade á que se enfronta a diario o persoal do servizo de limpeza viaria, tanto polos tipos de residuos que son como, sobre todo, pola súa abundancia.
Os traballadores e as traballadoras do Centro Especial de Emprego Aspaber-UTE recollen cada día miles de cabichas das rúas. No ano 2018, a modo de experimento, amorearon as cabichas recollidas nunha semana: 100 quilos, o que equivale a 50.000 cabichas, é dicir, 7.000 ao día. Co obxectivo de rebaixar esa preocupante cifra, nos últimos catro anos desenvolvemos diferentes iniciativas de sensibilización, tanto en colaboración cos locais de hostalaría coma introducindo os cinceiros nas papeleiras que temos distribuídas por toda a zona urbana. Os datos revelan que debemos seguir traballando para conseguir erradicar estas condutas incívicas.
Do mesmo xeito, un obxectivo por conseguir é que beirarrúas, parques e prazas permanezan libres de excrementos de cans. Dende o servizo de limpeza viaria constatan que a situación mellorou dende a instalación de papeleiras con dispensador de bolsas, polo que intentaremos continuar coa súa colocación, pero, como no caso das cabichas, a única forma de eliminar o problema por completo é a responsabilidade individual de fumadores/as, por un lado, e de propietarios/as de cans, polo outro.
As papeleiras vermellas inclúen cinceiro e dispensador de bolsas para as feces dos cans
O problema non é menor. As cabichas están consideradas coma o principal residuo a nivel mundial. Hai millóns de toneladas diseminadas por todo o planeta, e tardan décadas en desaparecer, contaminan os mares, danan a biodiversidade e provocan incendios forestais. A nivel urbano, ademais de ensuciar os espazos públicos, as cabichas tiradas ao chan poden ser arrastradas pola choiva ata a rede de pluviais ou de saneamento e entrar en contacto coa auga, liberando as nocivas e contaminantes sustancias químicas que contén o tabaco. Polo que respecta ás feces, erradicalas dos espazos públicos non é só unha cuestión de limpeza, senón tamén de saúde pública, xa que constitúen un risco de enfermidades e infeccións.