Inicio Carballo ao día Hemeroteca Excelente acollida do curso de poda organizado...

Excelente acollida do curso de poda organizado polo Concello de Carballo en colaboración con Dixardín e o Consello Parroquial de Berdillo

A segunda quenda de participantes está convocada para o sábado 26

Sábado 19 de febreiro do 2022 Participación veciñal

Vinte persoas participaron este sábado no primeiro curso de poda do programa Catro Estacións, unha iniciativa do Concello de Carballo en colaboración co Centro Especial de Emprego Dixardín. Nesta actividade participa tamén o Consello Parroquial de Berdillo, dende o cal partiu a iniciativa pouco antes da pandemia. Ata a sesión teórico-práctica que se desenvolveu hoxe na finca dun dos participantes achegáronse Carlos Iglesias, xerente de Dixardín; Luis Lamas, concelleiro de Obras e Servizos, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.

Ademais de aprender aspectos básicos da poda e de poder resolver todo tipo de dúbidas con Manuel Amado, que é o encargado de impartir os cursos, as persoas asistentes levaron como agasallo un exemplar de maceira sangue de touro, unha especie autóctona e que ademais se dá moi ben nesta zona. Outros vinte veciños e veciñas están convocados para o sábado 26 no mesmo horario, de 10.00 a 13.00 horas, para coñecer aspectos básicos da poda de árbores que debe levarse a cabo nesta época do ano.

Despois do éxito que acadou a campaña experimental “Presume de xardíns”, que encheu de cabazas decoradas diferentes zonas verdes da zona urbana, neste 2022 agardamos poder desenvolver moitas máis actividades de educación medioambiental agrupadas no programa Catro estacións, un proxecto de educación medioambiental que está vinculado á creación e mellora das zonas verdes e arboradas e espazos axardinados en distintos puntos do noso concello. O principal obxectivo é implicar á veciñanza na conservación dos espazos públicos a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.

Compartir: