Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo investirá...

O Concello de Carballo investirá máis de 650.000 euros na creación dunha rede de parques integradores

A Brigada Municipal de Obras traballa estes días na posta a punto dos parques de xogos de seis centros escolares

Venres 18 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Parque da Praza do Concello

Parque da Praza do Concello

A altísima intensidade de uso que teñen os parques infantís da zona urbana de Carballo non só obrigan a realizar un mantemento constante, senón tamén á súa actualización periódica. Coa finalidade de renovalos, pero tamén de facelos accesibles para todos os nenos e nenas, así coma de crear espazos de convivencia entre a rapazada e as persoas adultas, fomentando deste xeito o vínculo emocional, dende o Concello de Carballo impulsamos unha rede de parques integradores na que realizaremos un investimento inicial de máis de 650.000 euros.

Nesta cantidade inclúense, por unha banda, os 551.568,40 euros do proxecto “Carballo para a infancia”, aprobado no pasado mes de outubro e que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña. Grazas a esta achega acometeremos a reforma de integral dos parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, nos que se actuará nos recintos e nas zonas axardinadas e realizarase unha renovación completa dos xogos infantís.

Con esa mesma filosofía xa está en contratación outro proxecto de renovación integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital, nos que realizaremos un investimento de 119.815,52 euros procedentes dos recursos municipais. Como no caso anterior, a actuación afectará tanto ao recinto como aos xogos infantís, varios deles inclusivos.

A brigada de obras traballa estes días nos parques das escolas

A brigada de obras traballa estes días nos parques das escolas

Xunto a estas intervencións transformadoras, cuxos resultados serán visibles nos vindeiros meses, nestes momentos a Brigada Municipal de Obras está realizando tamén traballos de mellora en seis parques infantís escolares que precisaban unha renovación debido ao deterioro dos xogos provocado polo seu elevado uso. Ademais da posta a punto dos recintos, a Concellaría de Educación destinou case 11.000 euros á adquisición de novos xogos para que o alumnado conte cun equipamento mínimo para poder desfrutar do tempo de recreo nas escolas de Xoane, Mirón, Sísamo e Berdillo, así coma nos CEIP Nétoma-Razo e Gándara-Sofán.

Compartir: