As obras de conexión da ETAP do río Anllóns co depósito de Seixo Branco minimizarán os efectos dunha posible seca
A Xunta declarou este mes a situación de prealerta hidrolóxica ante a situación de seca na nosa demarcación hidrográfica
Xoves 17 de febreiro do 2022 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras
Ademais de facer posible a extensión da rede pública de abastecemento de auga polo territorio, con obras como as que se levan a cabo na zona costeira, a dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso mellorou a calidade do sistema de abastecemento, garante o subministro mediante a utilización alternativa das dúas captacións, contribúe a sustentabilidade do recurso, e agora, ademais, vai permitir minimizar os efectos dunha posible seca.
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron as obras que está executando a empresa Vázquez y Reino para conectar a ETAP do Río Anllóns co depósito de Seixo Branco a través dun colector de máis de 1.800 metros, que permitirá mellorar a garantía de subministro do abastecemento e facilitando as operacións de mantemento. O investimento supera os 132.000 euros.
Precisamente o Concello de Carballo vén de recibir unha comunicación da directora de Augas de Galicia, María Teresa Gutiérrez López, na que insta a adoptar “as medidas que se consideren precisas” no caso de que se agrave a situación actual de escaseza de auga. A Xunta vén de declarar o estado de prealerta hidrolóxica por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, da que forma parte o noso concello, o que supón un incremento da frecuencia do control e vixilancia dos indicadores de seca, da situación do recurso e dos sistemas de abastecemento, e tamén un labor de sensibilización veciñal sobre a necesidade de aforrar auga.
Dende Augas de Galicia aluden tamén á importancia de que os concellos conten con plans municipais de emerxencia ante situacións de seca, un documento que no caso de Carballo foi, precisamente, o que determinou a necesidade de acometer as obras de conexión da estación de tratamento de auga potable do Río Anllóns co depósito de Seixo Branco.