A exposición "Galiza: un pobo, unha selección" reivindica a representación internacional do deporte galego
A mostra, composta por 20 paneis, foi inaugurada este luns 14 de febreiro na Biblioteca Rego da Balsa, onde poderá visitarse ata o día 28
Luns 14 de febreiro do 2022 Deporte
Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Anxo Louzao
A Plataforma Vía Galega trae a Carballo a exposición “Galiza: un pobo, unha selección”, que poderá visitarse ata o 28 de febreiro na Biblioteca Rego da Balsa, onde foi inaugurada esta mesma tarde polo coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.
A mostra está composta por vinte paneis nos que se fai un percorrido polo pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a prol das seleccións nacionais galegas, ademais da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional. “Temos os exemplos de Gales ou Escocia, e aquí en Galiza o do fútbol gaélico, que compiten internacionalmente. No deporte somos unha potencia. Nos xogos olímpicos brillamos con luz propia, e a pesares das seis medallas e nove diplomas, Galiza non existiu: non puido exhibir a súa bandeira nin soou o seu himno”, argumentou Anxo Louzao. O representante de Vía Galega reivindicou o dereito a que un/ha deportista “cando gaña poida exhibir a súa bandeira e poida escoitar o seu himno”.
A exposición encádrase nunha campaña a favor das seleccións deportivas galegas, pero que tamén pretende fomentar os deportes populares e a galeguización do deporte, e impulsar a igualdade de xénero. Ademais desta exposición, que percorrerá un total de 35 vilas e cidades galegas, a campaña promovida pola plataforma Vía Galega inclúe unha revista e un xornal, unha canción con letra de Bieito Lobariñas e un vídeo conta coa participación de diversos deportistas galegos de recoñecemento internacional, como Fernando Vázquez, Eva Castro ou Xulia Vaqueiro, entre outras.
O alcalde de Carballo lembrou que o noso concello foi escenario de competicións como o Torneo 4 nacións, que instou á federación galega a recuperar, ou o partido de balonmán Galicia-Arxentina. “O deporte une, impulsa e identifica, e nestes tempos sería importante que o sentido de pertenza se puidese manifestar a través do deporte”, rematou Evencio Ferrero.