Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha selección dos edificios máis...

Unha selección dos edificios máis emblemáticos conforma un skyline que simboliza o Carballo que queremos

Por cuarto ano consecutivo, aproveitamos o Día do Amor para presentar unha serie de accións encamiñadas a fomentar o orgullo de vivir en Carballo

Luns 14 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Xaime Díaz, Maica Ures, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e Noelia Barreira

Xaime Díaz, Maica Ures, Evencio Ferrero, Marcos Trigo e Noelia Barreira

Un vídeo no que participaron veciñas e veciños das 18 parroquias marcou, o 14 de febreiro de 2019, o nacemento de “eu quero Carballo”, unha iniciativa transversal que implica a todas as áreas do goberno municipal no obxectivo de trasladar unha imaxe do noso concello en positivo, promovendo prácticas cidadás cotiás que contribúen a mellorar o noso territorio e fomentando o orgullo de ser de Carballo e de vivir neste concello.

Por cuarto ano consecutivo, aproveitamos o Día do Amor para lanzar novas iniciativas ligadas a esa idea, que tan ben acollida foi (e segue sendo) entre a poboación. Pero, nesta ocasión, o corazón vermello que situamos entre as palabras eu e Carballo, creando unha imaxe que emulaba ao famoso lema dos anos 70 “I love NY”, intégrase no propio nome do noso concello, simbolizando ese latido tan característico co que nos emocionou Alfonso Mariño no pregón do San Xoán de 2014, e que recuperamos neste 2022 como tamén queremos recuperar as nosas festas despois de dous anos de pandemia.

O Carballo cun corazón vermello no lugar da letra “o” acompaña tamén un skyline conformado por unha selección dos nosos edificios máis emblemáticos debuxados polo funcionario municipal Xaime Díaz, autor tamén do calendario do 2022 e dunha próxima guía de arquitectura que chegará acompañada dunha exposición. E con unha das versións dese skyline, a máis detallada, como fondo, hoxe presentamos esa nova imaxe de Carballo nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; o propio Xaime Díaz, e a directora do Centro de Recursos de Íntegro, Noelia Barreira, porque outro dos piares da campaña deste ano vai ser a participación das asociacións que traballan no eido social, as asociacións, en definitiva, con máis corazón.

A nova imaxe de Carballo chega acompañada doutras accións e elementos que queremos facer chegar á cidadanía:

  • Adhesivos estáticos para comercio, hostalaría e actividades económicas en xeral: poden recollerse, de balde, na Biblioteca Rego da Balsa.
  • Adhesivos estáticos para vehículos: poden recollelos todas as persoas interesadas, de balde, na Biblioteca Rego da Balsa.
  • Marcapáxinas coas tres versións do skyline: repartiranse nos centros educativos nos vindeiros días.

Ademais, despois de repartir máis de 250 carballos, fillos do carballo de Vilar de Francos, entre as familias que acudiron a empadroar aos seus fillos e fillas no noso concello nos anos 2020 e 2021, temos outros 139 de familias que optaron por participar na plantación comunitaria que realizaremos o vindeiro 19 de marzo, nas vésperas do Día da Árbore. É unha das numerosas accións vinculadas ao medio ambiente que tamén van ligadas ao amor por Carballo.

Este ano optamos por outro tipo de agasallo con corazón: xabóns naturais de glicerina elaborados polos usuarios e usuarias da Asociación Íntegro para os bebés carballeses. E non será a única colaboración do Concello con entidades sociais, coas que estamos a traballar en distintos proxectos de cara aos vindeiros meses.

“Hoxe –dixo o alcalde- estamos aquí representantes do Concello de Carballo e da sociedade, da sociedade organizada, como é o caso de Íntegro, e da sociedade que participa a título individual, como é o caso de Xaime Díaz, e que simbolizan esa sociedade aberta, na que ten cabida toda a xente que queira participar. Agardamos que a xente se identifique con esta campaña e que teña tan boa acollida coma as anteriores”, concluíu Evencio Ferrero.



Galería

Compartir: