Inicio Carballo ao día Hemeroteca O delegado da Xunta na Coruña saíu...

O delegado da Xunta na Coruña saíu impresionado da súa primeira visita ás instalacións do Fórum Carballo

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañou a Gonzalo Trenor nun completo percorrido polos talleres

Venres 11 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Obradoiro de atención sociosanitaria

Obradoiro de atención sociosanitaria

“Son unhas instalacións fantásticas”, declarou o delegado da Xunta na provincia da Coruña tras o completo percorrido que realizou esta mañá polo Fórum Carballo. Gonzalo Trenor saíu moi impresionado da visita, a primeira que realiza ao complexo, que coincidiu co desenvolvemento de varias accións formativas para persoas desempregadas. Xunto a el estivo o alcalde, Evencio Ferrero, que puxo en valor o importante esforzo realizado dende o Concello de Carballo para poñer a disposición da cidadanía un dos centros de formación para o emprego mellor dotados de toda Galicia.

Escola de Hostalaría

Escola de Hostalaría

O Fórum Carballo acolle neste momento un obradoiro dual de emprego no que formamos a 20 persoas en Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Xunto a esta acción formativa, subvencionada pola Xunta de Galicia, estanse a impartir outros tres cursos para persoas desempregadas nas especialidades de cociña, soldadura e electricidade, e para o día 21 está previsto o comezo dunha cuarta acción formativa de carpintería. Estas iniciativas permitirán formar a un total de 80 persoas para mellorar as súas posibilidades de acceso ao mundo laboral.

Taller de soldadura

Taller de soldadura

Este tipo de actividades “non serían posibles sen a estreita colaboración entre concellos e Xunta. A administración autonómica é a que aporta o financiamento e os concellos, a organización”, apuntou o delegado da Xunta.

A visita comezou nas aulas de atención sociosanitaria, na que os representantes da Xunta e do Concello asistiron a unha clase teórica e a outra práctica. Tamén recibiron unha detallada información no taller de soldadura, que seguimos equipando coas últimas innovacións do mercado, o que nos permite dispoñer das mellores instalacións de Galicia tanto nesta especialidade coma en cociña. Nas instalacións da Escola de Hostalaría, ademais de poder ver en acción ao alumnado, os/as visitantes puideron participar nunha pequena degustación na que se puxo de manifesto o bo nivel do curso. A última parada foi nas dependencias cedidas polo Concello de Carballo ás administracións autonómica e estatal para o persoal dos servizos públicos de emprego.

Compartir: