Os grandes produtores puntúan cun 9,8 sobre 10 os servizos que poñemos ao seu dispor para a xestión dos residuos
Realizadas visitas individuais a 335 comercios, establecementos de hostalaría e grandes supermercados
Mércores 9 de febreiro do 2022 Carballo ao día
Rematou a campaña informativa sobre residuos dirixida a comercios, establecementos de hostalaría e grandes supermercados cun balance de 335 visitas e unha valoración excelente: os grandes produtores puntúan cun 9,8 sobre 10 os servizos que poñemos ao seu dispor para a xestión do lixo.
A campaña desenvolveuse no último trimestre do 2021, e incluíu visitas individuais ás empresas para ofrecerlles información sobre a recollida selectiva das diferentes fraccións, así coma sobre servizos coma o punto limpo ou os colectores de pilas, que están a disposición de todos os negocios interesados. Para animar e axudar na recollida do cartón porta a porta, nos comercios entregáronse cintas de embalar, e no caso da hostalaría repartíronse mandís.
Tamén se realizou unha recollida de datos a través dunha enquisa sobre as diferentes cuestións relacionadas coa reciclaxe e a valoración dos servizos municipais.
Por sectores
Presentación da campaña
Nos 250 comercios visitados a campaña centrouse na recollida de cartón, por ser o principal residuo que xeran. Un 72% das tendas visitadas coñecen o funcionamento do servizo de recollida porta a porta, e ademais utilízano. Para o 95%, os tres días de recollida son suficientes, e nesa mesma porcentaxe manifestaron non ter sufrido ningunha incidencia co servizo.
En canto a problemas detectados, nas rúas Coruña e Hórreo evitan deixar o cartón na porta dos comercios, sobre todo os venres, porque a rapazada úsao para xogar. Tamén se resolveron dúbidas sobre o plástico, indicando que os pequenos envoltorios, sobre todo das tendas de roupa, deben depositarse no contedor amarelo; mentres que as grandes embalaxes plásticas de electrodomésticos ou mobles deben tirarse no colector verde. Así mesmo, informouse sobre a nova Lei de Residuos.
Ademais dos comercios, o persoal da campaña visitou 4 grandes supermercados e 81 establecementos de hostalaría. En canto a estes últimos, máis do 50% contan con colectores propios para a separación de vidro e envases, e o 35% manifesta ter o caldeiro facilitado polo programa Horeca para o vidro, pero descoñecen que tamén se facilite un para os envases. O 95% estiman que os colectores están preto dos seus locais.
O sector da hostalaría tamén contribúe á separación do cartón, neste caso utilizando os colectores de cor azul. Máis lenta vai a implantación da separación da fracción orgánica, que só realiza un 38%. Neste sentido, nas visitas animouse aos locais a sumarse ao programa “Ti tes a chave”. A esta iniciativa si están adheridos os 4 supermercados visitados, aínda que tamén propuxeron melloras en canto ao tamaño dos caldeiros ou á periodicidade da recollida.
Todos os datos polo miúdo serán analizados polos servizos técnicos para intentar dar solución ás propostas e necesidades expresadas polos distintos sectores e deste xeito seguir avanzando na mellora dun servizo público tan importante como a xestión dos residuos.
Lembra!
- Para a recollida de pilas ofrécese a todos os negocios, sexan do sector que sexan, a posibilidade de dispoñer dun colector específico nas súas instalacións, tanto para uso propio como para facilitar o depósito á súa clientela e á veciñanza en xeral. Sumarse é moi doado. Se hai que chamar ao número de teléfono 981 754 917, e a empresa concesionario do servizo de recollida e xestión de residuos facilitarache un colector de balde.
- Para a recollida de aceite de cociña, aínda que para a cidadanía en xeral existen colectores específicos distribuídos por todo o concello, no caso dos grandes produtores poden optar pola recollida individual, que poden solicitar no número de teléfono 600 000 222.
- En canto á recollida de cartón pregado, en Carballo funciona con moi bos resultados o sistema porta a porta, que consiste en depositar nas portas dos comercios o cartón pregado para a súa retirada os luns, mércores e venres laborables a partir das 20.00 horas. Se precisas información adicional ou tes moito cartón podes chamar ao 981 754 917.