Inicio Carballo ao día Hemeroteca A veciñanza do noso concello depositou o...

A veciñanza do noso concello depositou o ano pasado máis de 300.000 prendas nos contedores de roupa e calzado

A Fundación Humana reutiliza a metade do téxtil que recolle

Martes 8 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Imaxe de arquivo da recollida de roupa

Imaxe de arquivo da recollida de roupa

A Fundación Humana recolleu o ano pasado en Carballo 81 toneladas de téxtil usado, que, segundo os cálculos da propia organización, equivalen a 328.000 prendas. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo reduciuse nun 6,7% con respecto ao ano anterior.

Nestes momentos contamos con 34 puntos de recollida de téxtil no noso concello, distribuídos tanto pola zona urbana coma pola rural. Carballo conta cun contedor por cada 1.000 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. Nos colectores de Humana podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que non usamos e que deste xeito poden ter unha segunda vida, ademais de contribuír ao desenvolvemento de proxectos sociais. Ademais, o servizo é gratuíto e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Planta de clasificación de Leganés

Planta de clasificación de Leganés

Unha vez clasificado na planta que ten Humana en Leganés (Madrid), o 50% do téxtil pode reutilizarse, e máis do 35% é reciclable. A reutilización da roupa contribúe á redución das emisións de CO2: por cada kg de roupa recuperada evítase a emisión de 6,1 kg de CO2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. Polo tanto, as 81 toneladas recuperadas o ano pasado en Carballo evitaron a emisión de 494 toneladas de CO2 á atmosfera. Deste xeito tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Doutra banda, os recursos obtidos coa xestión do residuo téxtil permiten a creación de empregos verdes (Humana xera un emprego indefinido por cada 30 toneladas de téxtil recolleito) e financian programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de socios locais.

Compartir: