O corpo da Policía Local de Carballo refórzase coa incorporación de dous novos axentes
Mércores 2 de febreiro do 2022 Carballo ao día
Unha vez superado con éxito o seu período de prácticas, hoxe tomaron posesión dous novos axentes da Policía Local de Carballo, seleccionados a través do convenio asinado polo Concello coa Academia Galega de Seguridade. O acto oficial tivo lugar na Alcaldía. Evencio Ferrero asinou os contratos cos novos axentes, Xosé Aarón Méndez Pájaro e Gonzalo Iglesias Redondo, aos que desexou una longa carreira profesional no noso concello.
Coas incorporacións de hoxe, o equipo de profesionais da Policía Local queda formado por 23 axentes e 4 oficiais, ademais dos auxiliares que prestan servizo ao longo do ano.
O concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, que tamén asistiu á toma de posesión, apuntou que o incremento do persoal permitirá reforzar a presenza dos axentes nas rúas e, en consecuencia, mellorar o servizo á cidadanía.