Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ethel Vázquez visitou o itinerario...

Ethel Vázquez visitou o itinerario ciclo-peonil que une Carballo e Coristanco acompañada polos alcaldes de ámbolos concellos

Evencio Ferrero aproveitou para lembrarlle á conselleira importancia de completar a senda de Bértoa

Martes 1 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, e Coristanco, Juan García, acompañaron hoxe á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha visita á senda ciclo-peonil que une o noso concello co de Coristanco, na que vén de realizarse un investimento de 1,1 millóns de euros por parte da Xunta.

Evencio Ferrero agradeceu este tipo de investimentos, polos que tamén aposta claramente o Concello de Carballo con actuacións como os 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís construídas dentro do proxecto Cicl-Ando, e asegurou que son moi ben valoradas pola cidadanía. Nese sentido, o alcalde aproveitou para lembrarlle á conselleira a importancia de completar a senda da AC-552 ao seu paso por Bértoa executando a marxe que está pendente e mesmo dándolle continuidade cara Queo co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil e garantir a seguridade dos viandantes nunha zona dunha altísima intensidade de tráfico.

O itinerario Carballo-Coristanco discorre ao longo de case 2,5 quilómetros, e incluíu, ademais da construción dunha senda compartida para peóns e ciclistas e unha pasarela sobre o río Grande, a instalación de servizos, parte dos cales foron asumidos e executados polo Concello de Carballo cun investimento de 400.000 euros.

Outras actuacións

Ethel Vázquez tamén anunciou hoxe que vén de ser adxudicado, por un importe de 50.000 euros, un proxecto de humanización e apertura da estación de autobuses cara a vila, tal como lle demandara o alcalde nunha visita realizada en agosto do ano pasado.

Evencio Ferrero propuxera daquela a eliminación do peche perimetral da parte dianteira “para integrar o edificio no espazo urbano, conseguir unha maior rendibilidade do servizo de hostalaría vinculado á estación e, sobre todo, un incremento da seguridade”. A conselleira confirmou hoxe que esa actuación levarase a cabo “nos vindeiros días”.

Así mesmo, Ethel Vázquez apuntou que o seu departamento está a traballar “na primeira fase da variante de Carballo. O trazado –dixo- está en fase de supervisión e agardamos sometelo a información pública no vindeiro mes de marzo”.



Galería

Compartir: