Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación municipal iniciou o pleno de...

A corporación municipal iniciou o pleno de xaneiro cun minuto de silencio na memoria do ex concelleiro Pedro Luis Fernández Pombo

Aprobados os investimentos que se executarán este ano con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña

Martes 1 de febreiro do 2022 Carballo ao día

Membros da corporación e persoal municipal gardaron un minuto de silencio

Membros da corporación e persoal municipal gardaron un minuto de silencio

O pleno ordinario de xaneiro comezou, a proposta do alcalde, cun minuto de silencio na memoria do ex concelleiro Pedro Luis Fernández Pombo, que tamén foi un activo dinamizador social e cultural do noso concello, como lembrou Evencio Ferrero. Un xesto que agradeceron dende as filas socialistas e que marcou o inicio dunha sesión especialmente tranquila e rápida. En só media hora foron abordadas e aprobadas as distintas propostas presentadas polos grupos da corporación municipal.

Os dous primeiros acordos foron os relativos ao Plan Único da Deputación da Coruña, por unha banda para aprobar as infraestruturas que se executarán este ano, coas abstencións de PP e TeGa, e por outra para facer o propio cos investimentos en gasto social, neste caso por unanimidade.

Deste xeito, con cargo ao POS+ 2022 poderán acometerse as seguintes actuacións:

  • Aglomerado da vía As Labradas-A Ponte de Bértoa: 142.639,07 euros                                                                                                
  • Mellora da iluminación no complexo deportivo As Eiroas: 287.212,84 euros
Plan complementario
  • Aglomerado da vía As Torres (Oza) - Cances Grande (Cances): 340.954,41 euros
  • Aglomerado da vía Bolón (Sofán) - Vilar de Francos (Artes): 255.140,47 euros
  • Rede de abastecemento potable á zona baixa de Sofán: 700.171,12 euros
  • Rede de abastecemento de auga dende A Canosa (Rus) ata Entrecruces: 537.479,31 euros

A maiores destinaranse 560.654,83 euros a gasto corrente e 196.229,20, a gastos extraordinarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Con tres abstencións e seis votos en contra foi aprobado de xeito definitivo o orzamento municipal para este ano, tras a desestimación da única alegación presentada. Tamén saíu adiante, neste caso coas únicas abstencións dos dous edís de Terra Galega, unha moción do PSOE en apoio do sector gandeiro. Fóra da orde do día, coas abstencións de todos os grupos da oposición, aprobouse a solicitude de compatibilidade presentada por un traballador municipal.

Descargas

Compartir: