O pleno aprobará o luns o POS+ 2022, que inclúe máis de dous millóns de euros en investimentos para o rural
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Xosé Regueira, que tamén é vicepresidente e responsable de Plans da Deputación, presentaron a proposta
Xoves 27 de xaneiro do 2022 Carballo ao día
Xosé Regueira e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno
O primeiro pleno do 2022 será tamén un dos máis importantes do ano, porque a corporación municipal aprobará o POS+, o plan de investimentos que achega fondos a cada concello da provincia en función do seu esforzo fiscal, a poboación, o número de parroquias ou a superficie. Con estes criterios obxectivos, Carballo é un dos concellos máis beneficiados, e este ano xestionará ata tres millóns de euros.
Xosé Regueira, que ademais de concelleiro en Carballo é vicepresidente da Deputación e deputado responsable dos plans provinciais, acompañou hoxe ao alcalde, Evencio Ferrero, na presentación da proposta de investimentos que se someterá a debate no pleno do luns. “Estamos moi orgullosos dun plan que afonda moito na autonomía local, pero tamén, como concelleiro carballés, de que o Concello de Carballo teña un nivel de execución óptimo entre todos os concellos da provincia, e non o digo só eu, senón tamén os datos anuais do sector da construción”, manifestou.
O POS+ tamén “ten unha parte social, derivada das necesidades que xerou a pandemia”, engadiu Xosé Regueira, e no caso de Carballo ese “POS Social” suporá unha achega de 196.229,20 euros que se destinarán, tal como explicou o alcalde, ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Evencio Ferrero tamén relacionou os investimentos que se acometerán con eses fondos:
POS+2022
- Aglomerado da vía As Labradas-A Ponte de Bértoa: 142.639,07 euros
- Mellora da iluminación no complexo deportivo As Eiroas: 287.212,84 euros
- Aglomerado da vía As Torres (Oza) - Cances Grande (Cances): 340.954,41 euros
- Aglomerado da vía Bolón (Sofán) - Vilar de Francos (Artes): 255.140,47 euros
- Rede de abastecemento potable á zona baixa de Sofán: 700.171,12 euros
- Rede de abastecemento de auga dende A Canosa (Rus) ata Entrecruces: 537.479,31 euros
O Plan Único da Deputación tamén permite destinar unha porcentaxe a gasto corrente, e, como apuntou o alcalde, no noso concello será a máxima: 560.654,83 euros. Carballo utiliza sempre esta opción para poder liberar eses fondos dos orzamentos municipais para acometer outras infraestruturas e deste xeito axilizar a tramitación dos investimentos.
O resto dos asuntos da sesión ordinaria do luns, na convocatoria anexa.