O Fórum Carballo acollerá en febreiro un programa de formación en xestión e promoción dos servizos turísticos
A iniciativa, promovida por Costa da Morte Asociación Turística, está aberta a persoas desempregadas de calquera dos 17 concellos do xeodestino
Martes 25 de xaneiro do 2022 Carballo ao día
Instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo
O Fórum Carballo converterase no mes de febreiro no centro de formación en xestión e promoción dos servizos turísticos da Costa da Morte. Preparar a persoas desempregadas para traballar en cociña, restauración e aloxamentos, favorecendo a súa inserción laboral pero tamén a mellora da xestión e da promoción turística, é o obxectivo da iniciativa promovida por Costa da Morte Asociación Turística (MAT) e financiada pola Deputación da Coruña.
O programa de formación, que será gratuíto, está aberto á participación de persoas en situación de desemprego ou afectadas por un ERTE que estean censadas en calquera dos 17 concellos que forman parte do xeodestino (Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas).
A iniciativa desenvolverase de xeito presencial nas instalacións do Fórum, cedidas polo Concello de Carballo. O programa, que terá continuidade ao longo do ano, consta nesta primeira fase de 105 horas de formación e inclúe tres cursos: Axudante de cociña, Servizo de bar e restaurante e Técnicas de procedementos de limpeza en aloxamentos turísticos.
Esta é a planificación:
- Servizo de bar e restaurante. 35 horas. Días 1, 2, 3, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de febreiro, de 17:00 a 20:30 horas.
- Axudante de cociña. 40 horas. Días 2, 3, 4, 8, 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de febreiro, de 16:30 a 20:30 horas.
- Técnicas e procedementos de limpeza en aloxamentos turísticos. 30 horas. Días 10, 11, 14, 15, 16, 17, 18 e 21 de febreiro, de 17:00 a 20:45.