As obras de ampliación do cemiterio municipal avanzan coa chegada de máis material para a construción dos nichos
O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos realizaron unha nova visita ao camposanto
Venres 21 de xaneiro do 2022 Carballo ao día
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha nova visita ao cemiterio municipal, no que, despois do parón de Nadal, regresou a actividade coa chegada de máis material para a construción dos nichos. Da execución desta primeira fase do proxecto de ampliación do camposanto, que foi adxudicada por 647.008,93 euros, encárgase a empresa Vázquez y Reino.
Nesta fase prevese a construción de 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo inclúe nove bloques de nichos e cinco de columbarios. A disposición dos nichos será en catro alturas, e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo existente. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.