Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo acondiciona novas...

O Concello de Carballo acondiciona novas áreas de aparcamento gratuíto na zona da Cristina

O sistema de comodato permítenos poñer a disposición da cidadanía máis de 2.300 prazas de uso libre repartidas en 40 parcelas de toda a zona urbana

Mércores 19 de xaneiro do 2022 Carballo ao día

Luis Lamas e Evencio Ferrero, no futuro aparcamento, que terá capacidade para uns 130 vehículos

Luis Lamas e Evencio Ferrero, no futuro aparcamento, que terá capacidade para uns 130 vehículos

O goberno municipal de Carballo vén apostando pola fórmula do comodato para crear unha bolsa de estacionamentos gratuítos que en breve superará as 2.300 prazas. Nestes momentos estamos acondicionando unha parcela duns 3.600 metros cadrados na zona da Cristina, moi próxima a servizos públicos coma o Pazo da Cultura, o INSS ou a Tesourería da Seguridade Social, a estación de autobuses, o CEIP A Cristina ou á comercial rúa Barcelona ou a servizos sanitarios privados, entre outros.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata a zona coincidindo co comezo das obras dese futuro aparcamento, que terá cabida para uns 130 vehículos. Con este novo espazo, na contorna do Pazo da Cultura poderán estacionar máis de 600 vehículos, sen contar as prazas existentes nas propias rúas.

A principal bolsa de aparcamentos da zona urbana continúa nas beiras do Rego da Balsa, con máis de 800 prazas para vehículos repartidas nunha ducia de parcelas. O aparcamento situado no exterior do Centro Comercial Bergantiños, neste caso en terreo municipal, é, coas súas 210 prazas, o máis grande de Carballo. O resto das prazas repártense polos barrios do Hospital, A Granxa, A Milagrosa, O Chorís, o San Martiño e o centro, buscando sempre emprazamentos o máis próximos posible ás zonas comerciais e de servizos.

Un dos últimos aparcamentos acondicionados na mesma zona

Un dos últimos aparcamentos acondicionados na mesma zona

Ademais dos novos aparcamentos que vimos de acondicionar nos últimos meses no Campo da Feira e no ámbito da Cristina, tamén temos previsto habilitar a curto prazo dous novos espazos na rúa Gravador Facal.

Mediante o sistema de comodato, que consiste na cesión provisional do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o noso concello é hoxe en día un referente en Galicia, e o modelo carballés xa se está a aplicar noutros concellos. Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise. As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

Compartir: