Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Tarragona suma 31 metros máis...

A rúa Tarragona suma 31 metros máis a unha rede de vías de plataforma única que supera xa os cinco quilómetros

O alcalde e os concelleiros de Mobilidade e Obras fixeron un percorrido pola rúa

Mércores 19 de xaneiro do 2022 Carballo ao día

As obras da rúa Tarragona xa están rematadas. A actuación afectou a un tramo de 31 metros de lonxitude, que veñen a sumarse aos máis de 5 quilómetros de plataformas únicas que temos xa na zona urbana repartidos en case 40 rúas. O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron un percorrido pola renovada vía.

Os traballos de reurbanización, que incluíron a demolición da parte dun edificio que estaba fóra de ordenación, foron executados pola empresa Gestal y López cun orzamento de 58.869,19 euros.

Como en todas as actuacións que levamos a cabo na rede viaria urbana, ademais de seguir avanzando cara a accesibilidade universal, o noso obxectivo é modernizar os servizos urbanísticos, procedendo á súa renovación ou a súa instalación onde non existen. Neste caso, a obra permitiu solucionar as eivas existentes, dotando a rúa de redes de abastecemento de auga, saneamento, augas pluviais, canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica, e redes de gas e telecomunicacións.

En canto ao tratamento en superficie, a obra permitiu mellorar a accesibilidade, a estética e os servizos urbanos. Así, este treito da rúa Tarragona, de 12 metros de ancho, conta agora con beirarrúas a ámbolos dous lados, zona de aparcamento nunha das marxes, carril único de circulación de 3,40 metros de ancho e árbores de crecemento lento.

Compartir: