Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo investirá...

O Concello de Carballo investirá máis de 130.000 euros na conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do río Anllóns

A obra foi adxudicada na Xunta de Goberno Local de hoxe á empresa Vázquez y Reino

Luns 17 de xaneiro do 2022 Carballo ao día

Depósito de Seixo Branco

Depósito de Seixo Branco

O proxecto Anllóns-Bardoso foi a primeira peza dun plan de actuación deseñado para garantir, no horizonte do ano 2030, o abastecemento de auga a todos os núcleos de poboación de máis de 50 habitantes e ao polígono industrial de Bértoa. Grazas ao investimento realizado no seu momento, máis de catro millóns de euros subvencionados nun 70% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), foi posible empezar a estender a rede de auga pública polo territorio. 

Pero ademais de seguir avanzando no abastecemento dende a costa cara o interior, garantir auga pública de calidade require tamén doutros investimentos. Hoxe a Xunta de Goberno Local adxudicou un deles: a conexión do depósito de Seixo Branco coa ETAP do Río Anllóns. A obra, que será executada pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 132.289,47 euros, permitirá conectar os dous depósitos dos que bebe o noso concello, de xeito que, en caso de necesidade, se poida bombear auga dun a outro.

Outros acordos

Na sesión ordinaria de hoxe, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou as bases da convocatoria de subvencións destinadas a ANPA e entidades deportivas escolares para a promoción e o fomento do deporte escolar en infantil e primaria. O orzamento acada os 9.000 euros.

Tamén foi aprobada de xeito definitivo a adaptación ao PXOM do proxecto de urbanización entre as rúas Martín Herrera e Desiderio Varela. O obxectivo é adaptar o proxecto, que fora aprobado segundo o PXOM do 2003, á nova ordenación establecida no PXOM do 2016. Tal como se recolle no acordo, non se produce variación de superficies de dominio público, e o cambio máis significativo é o paso dunha zona cualificada como espazo libre a espazo viario con tratamento peonil.

A aprobación dos prezos públicos dos espectáculos organizados polo Concello de Carballo no Pazo da Cultura durante o ano 2022 pechou a sesión. Non hai variacións con respecto a anos anteriores, de xeito que os prezos ordinarios para os espectáculos oscilarán entre 3 e 5 euros, e os prezos reducidos (estudantes, maiores de 60 anos e menores de 18), entre 2 e 3,5 euros.

Compartir: