Esgotadas as prazas para a Carballo Trail Race a falta de 19 días para o remate do prazo de inscrición
A carreira, na que contamos coa colaboración da Asociación Deportiva Media Ducia, celebrarase o 6 de febreiro
Venres 14 de xaneiro do 2022 Deporte
Imaxe de arquivo da Carballo Trail Race (Foto: Raúl López)
Xa non quedan prazas para a Carballo Trail Race, que en poucas edicións conseguiu converterse nunha cita obrigada para as/os afeccionadas/os ao running. A última edición celebrárase en febreiro do ano 2020, pouco antes da declaración do estado de alarma, pero no 2021 xa non puido levarse a cabo. A carreira, na que contamos coa colaboración da Asociación Deportiva Media Ducia, ten a particularidade de que une deporte e natureza, e permite que centos de participantes compitan nunha proba de running por camiños e paisaxes espectaculares tanto do interior coma do litoral do noso concello.
A Carballo Trail Race é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo que discorre por pistas e camiños non asfaltados na súa maior parte, e que consta de dous percorridos nos que contaremos co control técnico do comité de xuíces da FGA: un de 28 quilómetros, no que temos 123 persoas inscritas, e outro de 12 quilómetros, no que participarán 277 deportistas. Deste xeito completamos o tope establecido de 400 participantes.
Carballo recuperará neste 2022 dous grandes eventos que non puideron levarse a cabo nas últimas edicións debido á pandemia. Ademais da Carballo Trail Race, que se celebrará o 6 de febreiro, outra cita clásica organizada pola Concellaría de Deporte, que na súa última edición acadou as 1.418 inscricións, é a 10K. A nosa carreira urbana celebrouse por última vez no ano 2019, polo que a expectación ante a próxima edición é máxima. Neste caso os/as corredores/as participan nunha proba homologada de 10.000 metros por un circuíto urbano. A medida que se achegue a data iremos dando conta de prazos, percorridos e todo tipo de datos sobre a carreira.