SE PRECISAS UN FUNIL PODES RECOLLELO DE BALDE NO CONCELLO
Cada mes recollemos unha media de 1.451 quilos de aceite nos 32 contedores específicos distribuídos por todo o concello
Os 17.420 quilos de aceite recollidos no ano 2021 evitaron a contaminación de 19 millóns de litros de auga e a emisión de 52,26 toneladas de CO2
Luns 10 de xaneiro do 2022 Carballo ao día
Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual non parou de medrar, e sitúase nestes momentos nos 1.451 quilos. O ano pasado, segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 17.420 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 19.162.000 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 52,26 toneladas.
Nestes momentos hai 32 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do Mercado Municipal, que superaron na maior parte dos casos os 1.000 quilos, pero tamén teñen cada vez máis uso os das parroquias, e, así, en Artes recolléronse o ano pasado 645 quilos, en Berdillo, 475; en Razo, 345; en Sofán, 320; en Sísamo, 255; en Lema, 240; en Goiáns, 125, e en Noicela, 110.
Unha das vantaxes do sistema de recollida é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas botellas, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).