Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo licita por 8,3...

O Concello de Carballo licita por 8,3 millóns de euros o reforzo do servizo de axuda no fogar para os próximos catro anos

O número de persoas usuarias sitúase nestes momentos arredor das 250, máis do dobre que cando se licitou o contrato anterior

Luns 10 de xaneiro do 2022 Benestar

O Concello de Carballo ten xa en licitación o contrato do reforzo do servizo de axuda no fogar para os vindeiros catro anos. Nestes momentos temos unha media de 250 persoas usuarias, máis do dobre que cando se licitou o contrato anterior, e iso implica un importante incremento do orzamento. De feito, o investimento previsto para os vindeiros catro anos acada os 8.380.504,05 euros.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 8 de febreiro. O contrato terá unha duración inicial de dous anos, prorrogables por outros dous. O prezo inicial da hora de prestación do servizo fíxase, no caso de SAF-Dependencia, en 24,99 euros para os días laborables e en 27,86 euros para domingos e festivos. Para SAF-Básico, SAF-Sociofamiliar e SAS (Servizo de Apoio Sociosanitario), o prezo será de 24,99 euros, sempre en días laborables.

O obxectivo do servizo que se vai contratar é cubrir fins de semana, festivos, permisos e as horas ordinarias nas que resulta insuficiente o equipo de persoal propio, integrado por 13 persoas. A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, facendo posible deste xeito que permanezan na súa contorna, potenciando a súa autonomía, mellorando as redes de relación familiar e social e previndo situacións de exclusión social. O servizo pretende tamén apoiar á familia na súa responsabilidade de atención aos membros que precisen axuda.

O Concello de Carballo prestou o ano pasado un total de 75.298,65 horas de SAF, o 88% para atender a 227 persoas dependentes. O resto repartiuse entre 88 usuarios/as de libre concorrencia e 66 do servizo extraordinario derivado das novas necesidades que supuxo a COVID-19.

Ligazóns

Compartir: