Inicio Carballo ao día Hemeroteca O polígono industrial de Bértoa...

O polígono industrial de Bértoa comeza o ano con só catro parcelas dispoñibles

A Xunta de Galicia aínda ten pendente de adxudicación o contrato de redacción do proxecto de ampliación

Luns 3 de xaneiro do 2022 Carballo ao día

Plano de ocupación do polígono de Bértoa (Fonte: Xestur)

Plano de ocupación do polígono de Bértoa (Fonte: Xestur)

A principios do ano pasado había 20 parcelas dispoñibles no polígono industrial de Bértoa. Doce meses despois despois só quedan 4, como pode comprobarse na páxina web de Xestur. Nos últimos días do 2021 foi adxudicada por 81.520 euros unha parcela de 2.028 metros cadrados a unha empresa dedicada á mecanización de perfís de aluminio. O parque empresarial carballés continuou tamén no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo, pero xa non queda solo para comprar.

Na actualidade está en tramitación o cambio da normativa que afecta a dúas parcelas de uso terciario para reconvertelas en solo industrial, o que permitiría poñer no mercado algo máis de 23.000 metros cadrados. Pero a solución definitiva á necesidade de solo industrial que existe no noso concello só pode chegar a través da imprescindible ampliación do polígono, que segue acumulando retrasos.

A Xunta anunciou a licitación da redacción do proxecto sectorial para xuño do 2021, pero realizouse en outubro e aínda está pendente de adxudicación. Presentáronse dúas empresas, e o 17 de decembro reuniuse a mesa de contratación para proceder á apertura do sobre A, pero unha das empresas debe achegar documentación complementaria, o que suporá unha demora engadida.

A partir da adxudicación, a empresa disporá de nove meses para redactar o proxecto, aínda que no propio prego estímase que a duración do contrato “pode acadar os 18 meses” debido a que tamén hai que ter en conta “os prazos previstos para exposición pública, trámites de audiencia e achega de documentación que depende doutras administracións”. A aprobación do proxecto por parte do Consello da Xunta podería producirse, polo tanto, a mediados do ano 2023. Os seguintes pasos serían a expropiación dos terreos (Xestur xa posúe o 50%, aproximadamente) e a contratación das obras de urbanización, que poden alongar o proceso ata ao ano 2024 ou máis alá.

"Neste momento hai empresas que teñen como preferencia situarse en Carballo e non poden facelo por falta de solo industrial”, lamenta o alcalde, Evencio Ferrero.

O actual parque empresarial carballés consta de dúas fases: unha primeira de 285.000 metros cadrados, construída en 1988 por iniciativa privada, e unha segunda de 718.000 metros cadrados, promovida por Xestur, que empezou a construírse no 2008 e foi inaugurada no 2010. O novo proxecto sectorial que está en contratación nestes momentos corresponde a unha terceira fase de 554.000 metros cadrados.

Compartir: