As propostas da infancia carballesa para o Carballo do futuro xa están recollidas no libro “A vila do mañá”
As familias dos nenos e nenas que participaron nos obradoiros dos anos 2018 e 2020 poden recoller os seus exemplares na Biblioteca Rego da Balsa
Mércores 29 de decembro do 2021
Portada do libro
Nos procesos de participación pública que impulsamos dende o Concello de Carballo tamén teñen cabida os nenos e nenas. Por iso recorremos a eles para que tamén contribúan a deseñar “A vila do mañá”, e ese é, precisamente, o título do libro que recolle as súas propostas, e que xa está á vosa disposición na Biblioteca Rego da Balsa. Por alí poden pasar para recollelo as familias dos nenos e nenas que participaron nos obradoiros realizados nos anos 2018 e 2020, pero tamén calquera outra persoa interesada, ata fin de existencias.
“A vila do mañá” é un proxecto da arquitecta Sandra González Álvarez na que colaboran o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Post Arquitectos e o Concello de Carballo coa intención de estimular unha actitude crítica entre os nenos e as nenas para que comecen o seu desenvolvemento coma cidadanía activa, xa que eles e elas serán os/as responsables do Carballo do futuro.
O obxectivo dos obradoiros, dirixidos a nenos e nenas de 5 a 12 anos de idade, foi incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación. Como se recolle no propio libro, o proxecto parte de tomar a vila de Carballo coma un taboleiro do xogo da oca, conformado por aqueles elementos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos, artísticos e culturais que configuran a identidade de Carballo. Algún deses elementos están debuxados nas primeiras páxinas para que a rapazada se encargue de darlles cor.
De seguido faise un repaso explicativo, a través de texto e imaxes, das actividades desenvolvidas nos obradoiros celebrados do 16 ao 20 de xullo do 2018 e do 21 de decembro do 2020 ao 8 de xaneiro deste ano, este último cun formato moito máis virtual condicionado pola COVID-19.
A última parte do libro é unha reflexión da súa autora, a arquitecta Sandra González Álvarez, sobre a evolución de Carballo nos últimos tempos. “Penso que o trabalo que se está facendo desde o Concello de Carballo, facendo renacer a vila pensando nos seus cidadáns, pon a Carballo na vangarda das vilas galegas, e para a min, por conseguinte, na vangarda do urbanismo. Creo que Carballo é a vila do mañá”, conclúe.