Aprobado o orzamento do Concello de Carballo para o ano 2022 por un importe de 27.860.737,25 euros
A corporación municipal tamén deu o visto bo ao contrato do servizo de axuda no fogar para os vindeiros catro anos
Martes 28 de decembro do 2021 Carballo ao día
A concelleira de Facenda realizou a exposición inicial do orzamento
A aprobación do orzamento municipal para o 2022 foi o tema central, e o que máis deu que falar, do último pleno do ano. Pero, despois de algo máis dunha hora de debate, a corporación municipal deu o visto bo ao proxecto económico, que acada os 27.860.737,25 euros e que foi defendido pola concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e polo alcalde, Evencio Ferrero. O voto a favor do BNG e a abstención do PSOE foron máis que suficientes para sacalo adiante, malia os posicionamentos en contra tanto de TeGa coma do PP. Este último grupo contou con só tres representantes no salón de sesións debido á ausencia de Paula Nogueira, que foi substituída no labor de portavoz por Rubén Lorenzo.
Os seguintes acordos foron máis rápidos. O cadro de persoal do Concello de Carballo para o vindeiro exercicio foi aprobado por unanimidade, mentres que na proposta de modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) votou en contra Terra Galega.
Por unanimidade saíron adiante tamén os dous puntos seguintes: a prórroga do convenio coa Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos de persoal para a Policía Local e a solicitude de compatibilidade presentada por unha profesora do Conservatorio Profesional de Música (CMUS).
Outra das propostas máis relevantes abordadas pola corporación municipal foi o contrato do servizo de axuda no fogar para os vindeiros catro anos, que permitirá cubrir fins de semana, festivos, permisos e as horas ordinarias nas que resulta insuficiente o equipo de persoal propio, integrado por 13 persoas. O orzamento supera os 8 millóns de euros, e precisamente é esa cifra tan alta a que obrigou a realizar a aprobación en pleno. Os tres grupos da oposición abstivéronse.
No que respecta ás expropiacións previstas para ceder a Augas de Galicia os terreos necesarios para acometer a realización dun by-pass no río Anllóns, na zona do Muíño do Quinto, tal como está previsto no plan de actuacións para evitar o risco de inundacións na nosa vila, todos os grupos se manifestaron a favor agás TeGa, que se abstivo. O expediente afecta a 3.156 metros cadrados de terreo.
Por último, a corporación rexeitou unha moción presentada polo PSOE sobre a creación dunha mesa de traballo para a inclusión de propostas no Proxecto Anllóns, e no apartado de rogos e preguntas foron atendidas varias consultas realizadas por TeGa sobre Policía Local, deportes e urbanismo.