Inicio Carballo ao día Hemeroteca O número de persoas usuarias do servizo...

O número de persoas usuarias do servizo municipal de axuda no fogar duplicouse nos últimos cinco anos

A corporación municipal aprobará no pleno de hoxe o contrato do servizo externo para os vindeiros catro anos por máis de 8 millóns de euros

Luns 27 de decembro do 2021 Benestar

No ano 2016, o servizo de axuda de fogar atendeu as necesidades de 120 carballesas e carballeses. Cinco anos despois, o número de usuarios/as do SAF aproxímase aos 250, máis do dobre, aínda que a cifra récord acadouse no 2020, cun total de 381 persoas atendidas. O que está claro é que, á marxe da COVID-19, que contribuíu a ese incremento, a demanda vai a máis.

De feito, o Concello de Carballo conta cun servizo externo para cubrir fins de semana, festivos, permisos e as horas ordinarias nas que resulta insuficiente o equipo de persoal propio, integrado por 13 persoas. O contrato foi adxudicado pola Xunta de Goberno Local en novembro do ano 2017 por 2,6 millóns de euros para un período de catro anos. Hoxe a corporación municipal aprobará un novo contrato para os próximos catro anos, e a contía xa se eleva por riba dos 8 millóns de euros, e precisamente é esa cifra tan alta a que obriga a realizar a aprobación en pleno.

A atención á dependencia é unha prioridade para o Concello de Carballo, e por iso dende a área de Igualdade e Benestar préstase especial importante ao servizo de axuda no fogar, que, como explica a concelleira Maica, “ten a particularidade de que calquera ausencia, aínda que sexa só dunha hora, ten que ser cuberta, o que require unha organización previa e, por suposto, supón un incremento no custo do servizo”.

A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas cotiás, facendo posible deste xeito que permanezan na súa contorna, potenciando a súa autonomía, mellorando as redes de relación familiar e social e previndo situacións de exclusión social. O servizo pretende tamén apoiar á familia na súa responsabilidade de atención aos membros que precisen axuda.

O Concello de Carballo prestou o ano pasado un total de 75.298,65 horas de SAF, o 88% para atender a 227 persoas dependentes. O resto repartiuse entre 88 usuarios/as de libre concorrencia e 66 do servizo extraordinario derivado das novas necesidades que supuxo a COVID-19.

A concelleira de Igualdade e Benestar insiste unha vez máis en que tanto as persoas que precisen a atención coma calquera veciño ou veciña que teña coñecemento dun caso no que poida ser precisa, poden chamar ao 981 704 706 para que o persoal de Servizos Sociais poida realizar un seguimento de cada caso.

Compartir: