Inicio Carballo ao día Hemeroteca O delegado da Xunta comprobou o funcionamento do...

O delegado da Xunta comprobou o funcionamento do punto limpo móbil do Concello de Carballo

O vehículo, adquirido cunha subvención do programa Feder-Galicia, está operativo dende febreiro e cunha previsión de recollida de 80.000 toneladas de residuos ao ano

Luns 27 de decembro do 2021 Carballo ao día

Beatriz Neira, Luis Lamas, Evencio Ferrero, Gonzalo Trenor, Cristina Carrión e Antonio Domínguez

Beatriz Neira, Luis Lamas, Evencio Ferrero, Gonzalo Trenor, Cristina Carrión e Antonio Domínguez

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse hoxe ata Carballo para comprobar o funcionamento do punto limpo móbil. O vehículo que se utiliza para realizar o servizo foi adquirido cunha achega da Xunta de Galicia co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e está operativo dende o mes de febreiro. Hoxe asinouse o documento que completa a tramitación administrativa. No acto participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e tamén estiveron presentes os concelleiros do PP Antonio Domínguez e Beatriz Neira e a xefa territorial de Medio Ambiente, Cristina Carrión.

A adquisición do vehículo supuxo un investimento de 63.000 euros, dos que 56.000 proceden da achega do Feder-Galicia. Segundo as estimacións realizadas, o punto limpo móbil podería recoller unhas 80.000 toneladas de residuos. De feito, no Punto Limpo de Carballo, situado no polígono industrial de Bértoa, xestionamos cada ano máis de 100.000 quilos de residuos e milleiros de electrodomésticos e outros obxectos voluminosos de todo tipo procedentes dos fogares carballeses.

O Concello de Carballo trata de facilitar á cidadanía a xestión de todos os materiais que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores que hai nas rúas. Así, a veciñanza pode achegarse directamente ás instalacións do punto limpo, situadas no polígono industrial de Bértoa, os xoves e os sábados, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas; pero tamén pode utilizar o punto limpo móbil, que consiste na recollida dos residuos voluminosos nas illas de colectores previo aviso ao número de teléfono 981 754 917. É importante chamar antes das 14.00 horas do martes, xa que a recollida realízase todos os mércores de 07:00 a 13:40 horas.

Compartir: