Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan as actuacións para seguir...

Avanzan as actuacións para seguir estendendo a rede pública de abastecemento de auga pola zona costeira

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta semana as obras que permitirán levar o servizo ata Pedra do Sal

Mércores 22 de decembro do 2021 Carballo ao día

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras da rede de Cambrelle, O Outeiro e Cambre

Evencio Ferrero e Luis Lamas visitaron as obras da rede de Cambrelle, O Outeiro e Cambre

Rematadas as obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Razo ata Lema, no Concello de Carballo seguimos traballando para completar o servizo na franxa litoral. Nestes momentos está en execución o proxecto de abastecemento e saneamento nos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), adxudicado á empresa carballesa Vázquez y Reino por 375.953,74 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, achegáronse ata a zona para realizar un seguimento dos traballos, que se financian con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019.

Con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento á Pedra do Sal. As obras foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana á empresa Vázquez y Reino por 649.456,84 euros.

Estas actuacións reforzan a intención do goberno local de garantir neste mandato o subministro de auga a toda a zona costeira, o que suporá un investimento, en total, de máis de 3,2 millóns de euros. Na mesma zona está agora en contratación a rede de abastecemento e saneamento de Vilar de Uz (Oza), que completará o servizo nesta parroquia, e que supón outros 230.000 euros.

A maiores, está en fase de redacción por parte da Xunta de Galicia o proxecto para completar o abastecemento e/ou saneamento nos lugares que quedarían pendentes tras as actuacións financiadas integramente con fondos municipais. Neste sentido, dende o goberno municipal tense solicitado tamén a colaboración da Xunta para o financiamento das obras.

A extensión do abastecemento polo territorio municipal é posible grazas á dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso, que nos permitirá seguir estendendo o servizo a todo o territorio.

Compartir: